domingo, 10 de enero de 2010

Vellas historias de Brumoso e de Castela a Vella

Entre outras ocupacións, aproveitei os días de vacación para reconciliarme -e por momentos cabrearme- co placer -por momentos, dolor- da lectura. Tiven a oportunidade de descubrir a un autor como Sándor Márai, ó que seguirei querendo coñecer máis de cerca. E puiden cabrearme unha vez máis cos escritores que semellan non saber escribir sen meter un protagonista que é escritor ou quere selo; no é só cousa de americanos, tamén por aquí se fai a miúdo. Cando se quere converter iso no centro da vida, polo xeral, só se consegue convertelo no vórtice da gran mentira. Supoño que as excepcións son as que animan as creadores de protagonistas que son escritores ou queren chegar a selo. Supoño que é unha mostra de pereza, de non querer documentarse sobre outras formas de vida que nos son alleas, pero todo quisque foi ou estivo a punto de ser algo distinto daquilo no que, por sorte ou por desgraza, acabou convertido.

Non direi os nomes dos que me cabrearon porque se cadra os seus libros gustan a outros lectores, e os lectores son especies en perigo de extinción que, por suposto, hai que protexer. Direi que volvín gozar relendo un dos libros que Miguel Delibes sinala como preferidos, de entre os seus: "Viejas historias de Castilla la Vieja". A historia dese emigrante que volve á súa aldea polos anos sesenta do século pasado pode conter -baixo a mirada de hoxe- unha visión demasiado idílica do medio rural pero está tamén chea de autenticidade, de personaxes de carne e oso, de bo humor. O emigrante que volve celebra que nada cambiou no medio século que estivo fora, que non chegaron as maquinas, que todo sigue igual de antigo, igual de auténtico.


Se o emigrante saíse nos sesenta e voltase agora a terras de Brumoso tería que enfrontarse a unha visión diferente, menos confortadora. As máquinas chegaran, arrasaran cos marcos, coas paredes dos camiños, coas petadas de lastros e xeixos, e desapareceron de novo, deixando rastros de destrución que o tempo e a natureza van curando por un lado mentres a man dos homes -e o ferro das máquinas- vai abrindo novas feridas por outras faceiras. O emigrante que se fose nos anos sesenta no acharía nada semellante ó lugar cheo de ovellas, vacas e persoas -mesmo rapaces- que deixara atrás na procura dunha forma de vida menos escrava. De volta, acharía que morreron case un cento de persoas, que pouco máis dunha docena viven alí de forma permanente. Que os animais domésticos que máis abundan son os cans e os gatos sen amo, que achan suficiente comida para deixar por calquera parte cagallóns que cheiran bastante pior que as bostas e as cagachas que habitaban as cortes e as rúas dos seus recordos.

Que pasou? Unha vida, moitas vidas.

Na Castela de Delibes, mal que ben, as maquinarias serviron e serven para que hoxe haxa unha agricultura e unha gandeiría profesionalizadas, que permiten vivir do campo -a moita menos xente, ben é certo- con dignidade. En Brumoso poderemos seguir alimentando a nosa morriña máis ou menos a miúdo, sobre todo cando teñamos unha paga por vellos ou eivados.

Somos de Castela e León só por capricho da xeografía? Relendo a Delibes, un descubre que nin os costumes, nin as formas de falar son tan diferentes. Tamén en Castela se dicía -e se dirá, supoño- aquilo de: "Esa moza éncheme o ollo", para definir aquela muller que gusta, para un ou para un dos nosos. Pena que agora non haxa alí mozas que enchan o ollo de ninguén.

2 comentarios:

Xabres da Teixeira dijo...

Eso de que en Brumoso, unha forma de vivir sexa ter unha paga por vello ou eivado, non che me gusta nada, ainda que creo que tes razón.¡Imos ver se o que nos dan, nos aguanta hasta a entrega á terra do corpo!.
Oes, vou facer unha cousa que non adoito facer, recomendarte un libriño
xa que falas de Delibes : "La Mortaja", non ten desperdicio.

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Teñoo por aquí e relereino. Teño idea de que me gustou, no seu momento; como case todo Delibes, por outra parte.