Non quería deixar pasar nin un segundo. Cambio radical desde o primeiro momento do ano. Non sabía se podería contar coa muller, así que decidía subornar á filla maior para que o papá Noël viñese, para el, co agasallo que anunciaban os grandes almacéns, sen moito destacado nin moito prezo. Recorda: o potenciador de bos momentos, non; o que quero é o inhibidor de malos recordos. Tiña que resistir logo a curiosidade da filla pequena, empeñada en saber que había naquela caixiña. Convencela de que era para Reis, que chegara adiantada pero non a podía abrir. Abríaa pechado no baño e, por unha vez, lía as instrucións. Só vale para inhibir malos recordos individuais. Algo é algo, dicía para si. Son os que interesa inhibir. Cales? Apresurado balance do ano. O que había ser o ano da gripe A e da crise fora, sobre todo, o ano da crise e do paro. Non collera a gripe A. Non quedara no paro, aínda. Non houbera desgrazas persoais nin familiares. Que podía inhibir? As cincuenta e tres vítimas do terrorismo do fogar seguirían na súa conciencia, coma se fose culpable de cada unha desas mortes. Recordo individual e colectivo. Os milleiros de parados seguirían pesando, como se fosen empregados despedidos por unha empresa súa. Os sen teito que estaban a morrer co frío, tamén pesarían. Por non mirar máis lonxe. Trabucara o regalo. Tería que pedir o potenciador das boas lembranzas. Para o ano. Entre tanto, a ver se perfeccionaban o inhibidor de malos recordos, que servise para cubrir vergoñas colectivas. Á espera do invento que convertese a todos en inventores de futuros mellores. Cando houber máis persoas incapaces de esquecer e menos que non queiran ver nin lembrar.
Publicado en ANT nº 1.388
sábado, 9 de enero de 2010
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario