Con supostos amigos como os que se dedican a poñer artefactos explosivos diante da casa do profesor e comentarista Roberto Blanco Valdés, a lingua galega non precisa inimigos. E, sen embargo, tenos. Comezando polos que a desprezan por ser propia, porque ven máis elegante o castelán ou o inglés, e seguindo polos que rexeitan calquera medida de protección ou promoción, baixo a desculpa de que xa está demasiado protexida e coa certeza de que, sen protección, rematará por esmorecer en pouco tempo.
Facendo permanentes loas dunha hipotética liberdade individual que sempre malvive condicionada por multitude de factores, o opinador no punto de mira dos violentos -que aspiran a terroristas e acabaran por selo- non é en modo algún amigo da promoción dunha lingua galega que, con todo, manexa á perfección cando participa en debates onde cre que convén usala.
Para el o galego está superprotexido, promovido en exceso. O que hai que facer é darlle absoluta liberdade á xente para que fale o que lle pete, onde lle pete e cando lle pete. E se o galego ten que morrer por falta de protección, que morra. O comentarista non deixa pasar oportunidade de usar as mellores tribunas ás que ten acceso para darlle marteladas nos dedos á lingua propia de Galicia, que non deixa de esmorecer.
Blanco Valdés non fai nada en defensa da lingua galega, salvo demostrar que sabe falala cando lle peta, e está no seu dereito cando difunde as súas ideas a este respecto. Os que arriman artefactos explosivos á súa casa, aínda fan menos polo galego. Converten ao articulista en vítima e obxecto de simpatía e solidariedade incluso dos que non comparten as súas ideas. Eu tamén estou coa vítima nestes momentos. Contra os que só coñecen a fala dos artefactos explosivos, sempre. A favor de calquera medida que evite a morte da lingua que me ensinaron os meus pais, tamén sempre. Porque igualmente aplaudo canta medida se poida poñer en marcha para protexer o patrimonio histórico e arquitectónico que nos legaron os devanceiros; cómpre salvalo de nós mesmos, da nosa liberdade para esnaquizalo. Porque creo que a lingua galega tamén merece ser salvada, contra a nosa desidia pero sobre todo contra a vontade dos que cren que so merece unha lápida coa lenda de lingua morta.
Un artigo ilustrativo sobre este asunto da lingua: "Sobrevivir en gallego", de Xosé Manuel Pereiro, presidente do Colexio de Xornalistas de Galicia.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario