O normal é que case nunca nos mostremos como somos. Por pudor, tamén por loitar contra o frío, logo demos en vestirnos. Como medida de autodefensa, poucas veces amosamos claramente os nosos sentimentos. Quéresme? E ti a min? Por razoable medida de precaución ou por comprensible covardía, case nunca deixamos ver as nosas ideas. Se os outros saben moito de nós, teñen vantaxe en contra nosa. Por iso dicimos en cada foro aquilo que se supón debemos dicir. Por iso empregamos en cada momento á lingua que cremos máis conveniente; así, a miúdo facemos travestismo lingüístico, non para garantir que nos entendan senón para que non se use contra nós o feito de facer uso do dereito a empregar unha lingua propia e oficial. Polo xeral, andamos polo mundo disimulando, agachados debaixo de expresións moi acaídas: sinceramente, en honor á verdade, como cho digo, xúrocho. Andamos escoitando tamén esas manifestacións e sabendo, por suposto, que de todo iso, a metade da metade da metade, ou aínda menos. Daquela, se todo é como o definía Larra. Se o mundo todo é máscaras. Se todo o ano é carnaval. Se pasamos pola vida simulando o que non somos, sen dicir o que pensamos, por que aparece todo bicho careto revolucionado, cando chegan as vésperas dun novo carnaval. Por comer abondo antes da obrigada dieta da Coresma, xa non. Porque agora don Carnal, mesmo no medio da crise, reina todo o ano. Será que precisamos afacernos á ilusión de que a máscara aínda pode agachar algo. Ou para ilusionarnos coa absurda idea de que non a levamos vestida o resto do ano.
Publicado en A Nosa Terra, nº 1392
jueves, 11 de febrero de 2010
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario