domingo, 17 de mayo de 2009

Unha molladura en defensa da lingua galega


A auga que por momentos caeu sobre Compostela non abondou para desanimar ós milleiros de manifestantes que se xuntaron na Alameda e percorreron as rúas do Casco Vello para confluír na praza de Compostela e celebrar, xuntos, o Día das Letras Galegas; para reivindicar, unidos, mil primaveras máis para unha lingua sobre a que semellaba haber consenso e que, agora, se sente outra vez ameazada. “Mollámonos polo galego” foi, naturalmente, un dos lemas coreados a instancias dos animadores, que contaron co voluntario apoio de centos de cativos que sempre estiveron entre os máis animosos á hora de berrar. A defensa da columna vertebral dun pobo ben merece unha molladura.


Carlos Callón, o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, foi o grande animador do acto de festa e reivindicación na praza da Quintana, xunto cos berros cantareiros de Mercedes Peón e o manifesto lido pola escritoras Yolanda Castiño ou Teresa Moure, polo xurista Nemesio Barxa e polo histórico galeguista Avelino Pousa Antelo, que mostrou as súas 95 primaveras e deu exemplo aos máis novos para seguir na defensa da lingua. Nunca é pronto, nunca é tarde de máis neste empeño en defender o primeiro, o máis querido patrimonio de calquera persoa.


Gústame crer que Avelino Pousa Antelo acabou o día das Letras Galegas reconfortado, vendo a praza da Quintana ata tal punto chea que os organizadores acabaron por recomendar aos que enchían as escaleiras, onda a Casa da Parra, que fosen saíndo para que puidesen entrar os manifestantes que aínda non conseguirán facelo.

E non había bebidas, nin cafés, nin bocadillos de balde. Ningunha das lambonadas que adoitan servir para encher recintos. A defensa da columna vertebral foi aliciente de abondo.

4 comentarios:

Lete F. dijo...

Hai que coidar o galego, porque se se pega ata a un zamorano que o empezou a falar de broma coa sua avoa Esperanza, e que e un bon idioma.
Os que pensan que e o castelán o ameazado que empecen facendo as batidas de caza en Madrid y sigan polas castillas, porque as patadas que lle dan ao diccionario algúns, incluso os que traballan coa palabra escrita, son mais gordas cas que le poden dar os vascos, catalais ou galegos.

Xabres da Teixeira dijo...

Por alí andou a metade da miña familia.
Gustame pensar, que o Galego non terá problemas mentras nas casas o falen, sobre todo nas rurais,pois nas cidades son demasiado finos, ainda que algúns levan bosta nos pés.
Eu oxe pido que tamén se defenda o galego do Val dos MArcos.
Apertas.

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Un dos principais problemas do galego e a fobia que lle teñen moitos galegos, que o seguen a ver como lingua de paletos de aldea. Triste historia.

Amable González dijo...

..."Eu oxe pido que tamén se defenda o galego do Val dos Marcos".....y eu