lunes, 9 de junio de 2008

A Lama do Carballal por uns cántaros de viño. Toponimia de Brumoso I

Na toponimia de San Ciprián hai unha chea de lamas, que en sentido xenérico seica viñan nomear un sitio onde nace unha fonte, un sitio predisposto a converterse nun lamacal onde un enterra os pés e as canelas. As lamas, en orixe, eran propiedade común, do concello. Foron pasando a ser propiedade privada porque o concello acordaba vendelas a quen tiña cartos, en diferentes momentos ou circunstancias. A miña mai contoume como pasou á familia do meu avó Constantino a Lama do Carballal. O concello estaba a traballar nun labor común, deses que eran tan habituais noutros tempos, cando había xente nas casas e era doado xuntar unha obreirada de trinta ou máis persoas, unha por casa habitada, para amañar os caminos no fin do inverno, ou para labrar os caños no comezo do verán. Todo se facía por común acordo e, aquel día, o común acordo dixo que había gana de beber viño. Un homiño chamado ti Puertiña -non sei se procedería de Castela ou de onde, pero o caso é que non erá o ti Portiña- ofreceuse a pagar o viño, non sei se sería un cántaro ou máis, a cambio da Lama do Carballal, e o trato quedou feito no momento. O comprador era un canameiro, un homiño con cartos para mercar a Lama (ou viño para xente con sede, máis ben) pero sen familia. De velliño, arrimouse á familia de meu avó materno, que herdou así a Lama do Carballal.
Logo de contar esta historia, imos recoller unha estremallagota de topónimos das proximidades do lugar pola parte noreste. Seguro que se me esquece algún paraxe que me podedes apuntar nos comentarios.

Ver mapa más grande
Augüeira, Porto da.- No cimo dos prados de Pombariño, no fondo dos prados do Carballal. Moita auga non hai nunca nese porto.
Bacelo, O.-Cortiñas que hai por baixo das viñas das Mioquiñas. Se cadra en tempos tamén había viñas, cos correspondentes bacelos.
Breas, As.-Prados, castiñeiros, touzas, entre Pombariño, o Carballal e Os Corzos.
Castro, O.-Faceira de leiras e Castiñeiros que está por riba do lugar en dirección noroeste. Limita con Rebordiño e Trasil, polo oeste, e con Pombariño, polo Norte.
Canadicha, A.-Canada que marca o atallo desde o lugar para ir ó Bacelo, ó Castro ou Rozas.
Carandelo.-Prados e touzas. Por baixo do Mallo e a carón do Carballal.
Carballal, O.-Prados e leiras, por riba do Porto da Augüeira, limitan con Rebordiño e, por riba, co Facho.
Cavoco de Trasil, O.-Baixa de Trasil ó Salgueiro; cagadeiro de toda a barreada, antes de chegar a auga corrente e os cagadeiros domésticos.
Corzos, Os.- Cerca de Carandelo, os prados cimeiros, por baixo do camiño que vai pola Augüeira cara a Rebordelo.
Cova do Frade.-Poulas por riba da Lavandeira; marca o comezo da Ladeira pola parte Oeste.
Falgueiroá.-Poulas fronte ás da Cova do Frade.
Facho, O.-Leiras e monte. Por riba das leiras da cabeciña, O Facho mira para Rebordiño e para as Pestanas do Carballal.
Lavandeira, A.-Poulas e touzas. O camiño que sube á Cova do Frade separa A Canle da Lavandeira, que limita con Rozas e mira, desde arriba, para o Barreal.
Mioquiñas, As.-Se cadra dise Miuquiñas. Antigas viñas separadas do lugar polo cavoco de Trasil. Están ós dous lados do camiño do Castro. Pola parte de baixo lindan co Bacelo, coa Porteliña e con Rozas.
Mallo, O.-Prado e peiras por riba de Carandelo.
Pereiro, O.- Por riba dos prados de A Canle, limita tamén con Os Corzos.
Pestanas do Carballal.-Fragas moi acertadamante bautizadas. Miran para o Carballal desde arriba.
Pombariño.- Ribeira de prados que sube desde a cavova de A Canle ata o Porto da Augüeira. Limita tamén co Tolaco, polo sur.
Porqueiro, O.-Prado de Rozas ondo as Bichas levaban a pastar ( efozar os porcos). Agora está cheo de nogueiras. Da ó Porto de Rozas e dase a man co Tolaco.
Porteliña, A.-Portela que leva cara a Rozas e cara o Tómbaro. Cortiñas e prados.
Rebordiño.-Leiras e castiñeiros, por riba do Castro. Limita con Trasile As Touzas, polo sur, e co Carballal polo norte; queda tamén por baixo das Pestanas do Carballal.
Romadoiro, O.-Prados ladeiros que dan comezo á Ladeira por riba do camiño do medio da Ladeira; veciños da Lavandeira e da Cova do Frade.
Rozas.-Ribeira de prados con moito rego e a tiro de pedra do lugar. Limitan coa Porteliña, coa Lavandeira e co Tómbaro.
Rozas, Porto de.- Cruce de camiños: o que sube cara a Pombariño, o da Cova do Frade, o da Ladeira e o que leva ó lugar. Acolle un vertedoiro abandonado que nos avergonza a todos, e non nos avergonza máis polas silvas que o cubren.
Tolaco, O.-Por riba do caño da auga que ven ó lugar. Limita con Rozas, con Pombariño e co Castro.
Tómbaro, O.-Prados que están entre a cavoca de Rozas e a Porteliña, caendo cara o Barreal.
Touzas, As.-Leiras e castiñeiros, por riba de Trasil, entre Rebordiño e O Cerragal.
Trasil.-Zona de prados, leiras e castiñeiros situados por riba da igrexa, cara ó oeste enlaza con Rebordiño e As Touzas (que, polo sur, enlazan co Cerragal), cara ó norte-noroeste, co Castro.
Xogo dos paus, O.-Cruce de camiños, onde se abre en dous o que sae do lugar: un para levar a Rozas, outro para o Castro. Sitio onde os mozos xogaban os paus, os bolos.

8 comentarios:

abobriga dijo...

ola por aqu�.

na mi�a zona hai un profesor xubilado que se adica a recopilar microtoponima e edito un par de libros, quen sabe se Javier pode facer o mesmo...

Javier Lopez Rodríguez dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Javier Lopez Rodríguez dijo...

Só me anima a idea de procurar que os máis novos saiban como se chaman os sitios onde pisan. Para os libros, prefiro as historias onde me podo facer a idea de que estou a inventar algo. Saúdos, Civi.

Xabres da Teixeira dijo...

Teño entendido que as lamas e as bouzas, eran cachos do monte común, que alguén labraba, para facer leiras ou semellantes, pero que non adquirian propiedade sobre os mesmos.
Si non tes es escrituras deo montes de Val dos Marcos, cando nos vexamos no pueblo, se queres, podotas enseñar, eu teño unha copia, e fala, un pouco deso.
Apertas.

Nane Nane dijo...

Oliña!!
Paréceme marabilloso e admirable oque estáis a facer, esta rescatadora so vos vai dar ánimos porque me parece imposible recoñecer as leiras e prados dende o aire, eu nunca soupe moi ben por donde ando, pero se me sacan os pes da terra xa podo decir que estou perdida..non é o meu a visión espacial, a si que ánimo que o estais facendo xenial.
Tamén quería mandarte un abrazote a ti,e os teus en especial a Tia Malia. Nonn son dada a decir nada nestas circunstancias, penso que é algo que todos temos que pasar, son aprendizaxes que forman parte da vida, e desta vez tocouvos a vos, a si que paciencia,mándovos mutos ánimos ya bicos a todos, e un soriso co corazón.

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Grazas por todos os ánimos e, sobre todo, polo sorriso, que ven a ser o mellor xeito de animar.
Un Bico

urbanorural dijo...

Él se fue orgulloso de sus cuatro hijos.
Tenía muchos motivos para estarlo.

Estoy segura que vosotros también estáis orgullosos de él.

Un abrazo para todos

Urbanorural

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Gracias. Muchas gracias.