martes, 24 de junio de 2008

Os maiores tesouros, no souto dos castiñeiros. Toponimia de Brumoso II

Non están en Rechouso. No cuadrante Suroeste é onde San Ciprián ten, moi cerca do lugar, o maior dos seus tesouros: son os principais soutos de castiñeiros, que noutros tempos quitaron moitas fames e que aínda hoxe constitúen, xunto coas pensións, unha fonte de ingresos para os veciños que poden apañalas, cada vez menos; os castiñeiros, por outra banda, e da primavera ó autono, forman a mellor vestidura, o máis fermoso enfeite co que podería soñar unha aldea de montaña. Pena que xa nin se podan queimar os ourizos ó apañar as castañas: eses primeiros bullós estaban ben bos. Pero nese cuadrante, ademais do Souto, hai outros moitos topónimos (con castañas ou sen castañas) que pasamos a relacionar, deixando so amentados algúns como o Ferreal ou a Abeneira, que creo están na zona pero que non sei localizar con exactitude. Alguén haberá que saiba. Se non, xa indagaremos.


Ver mapa más grande

Barreiro, O.-Como indica o nome, é un barreiro ben empinado, o que leva da ponte ata a Carba, ás dúas beiras da estrada, con castiñeiros e pinos. Limita polo este coa Veiga, os Pedredos e o Espadanal.
Bedulo, O.-A ribeira de prados (e leiras) que está entre Cadavais e Celeirós, na mesma cavoca; linda coa Tera da Chave pola parte do lugar.
Cadavais.-Poulas con pouco rego e leiras próximas ó lugar, ó sur da estrada e, principalmente, por baixo do camiño do Carruceiro. Ó sur e ó oeste do Rouso do Camiño Novo.
Camiño Novo.-Agora asfaltado, desde que se estendeu a estrada ata Castromil. O tramo da Igrexa ó Rouso do alto Camino Novo.
Canada do Souto.-Atallo que era de moita utilidade para baixar á Faceiriña desde a barreada de arriba e para subir sen que a xente o vise a un, cando subía para a casa cheo de suor e borrallo; bordea ó Cavoco do Souto e os Cortiñeiros.
Carba, A.-Poulas, soutos e touzas que enlazan o Viñal de Abaixo coa Fonte das Cubas e o Quintairo, por baixo do camiño que leva da Lama do Casal ás Teixugueiras; veciña do Barreiro.
Cavoco do Souto.- Separa as airas do souto dos cortiñeiros e acaba na Fonte Pateira.
Centinela, A.-Portela entre as leiras da Xamacía e as da Cabeciña, permite avistar cara a Cabeza das Fontes e ver o poulo dos Mexacáns.
Cerragal, O.-Leiras agora convertidas no principal souto de castiñeiros novos. Os lindes están marcados polo camiño que leva ó Porto da Augüeira, o carreirón das Touzas e a estrada. Do Rouso do Camiño novo para o Norte, está O Cerragal.
Cortiñeiros, Os.-Cortiñas que bordean a barreada de arriba pola parte sur, desde a Horta da Igrexa ata os eidos de A Fonte (de baixo)
Falgueiras.-O souto que vai dos prados do Viñal ata a Fonte das Cubas, polo sur do lugar, e ata Cadavais, polo oeste.
Faquiña, A.-Prados e cortiñas entre o Viñal de Abaixo, a Canada do Souto e a Lama do Casal.
Fonte Pateira.-Desapareceu, ¿ou non? Do que queda, máis vale non beber. Está mesmo no fondo lugar, onde desemboca a Canada do Souto, onde empeza a Faceiriña.
Fonte do Souto.-Quedou sen auga porque se canalizou ata a praza. Motivou que se perdese o carreirón do Souto, tantas veces pateado polos rapaces. A seguir, perdeuse o carreirón que levaba ó Viñal, que se encheu de penxemuros. Cantas ecos de conversas de namorados, ó son da auga que caía no bicarelo da barrila ou na barcala; cantas palabras de querer namorar para as mozas que ían á fonte; cantas orellas alerta, de rapaces á espreita.
Pedreira, A.-Leiras con moita pedra louxeira entre os prados de Cadavais e Cabeciña e as leiras do Cerragal, pola parte oeste da estrada.
Quintairo, O.- Unha das ribeiras de prados que mira ás leiras do Fixó desde arriba; a outra, máis próxima ó lugar, é a da Fonte das Cubas.
Rouso do Camiño Novo.-Onde a estrada xira en redondo para dirixirse cara o Facho.
Souto.-Toda a zona de castiñeiros que vai do lugar, pola parte sur, ata os prados do Viñal e ata empatar, por riba do Viñal de Arriba, con Falgueiras, na fronte do Rouso do Camiño Novo.
Teixugueiras, As.-A portela e o lombeiro que separa o Quintairo de Varxelas, que deixamos para outra entrega, coa Chaira Nova e demais.
Terra da Chave.-Leiras por riba do camiño que atravesa Falgueiras cara ó Bedulo; digamos que son a roda da saia de Cadavais pola parte Sur.
Teturiña, A.-Portela irmá da Centinela que está no camiño do Carruceiro, desde a que xa se avistan os Mexacáns, os Millais e o Penedo de Mourón (creo).
Touzas, As.-Entre o Cerragal e Brasil, castiñeiros a ambos lados do carreirón do mesmo nome que permite atallar cando se vai cara Arrozadas ou Lagoas.
Viñal.-Prados máis próximos ó lugar pola parte sur. Lamacais. Separan Falgueiras do Souto e das airas do Souto.
Viñal de Baixo.-Por baixo da estrada e ata a entrada que leva ó lugar pola Lama do Casal. Limita coa Afaquiña polo norte.
Xamacía, A.- As poucas leiras que hai a tiro de pedra da Centinela, na media cavoca que baixa de fronte a cadavais e ó Bedulo. A cavoca seguinte, antes de Arrozadas, ¿é a da Colmea? Outra dúbida.

2 comentarios:

Xabres da Teixeira dijo...

Si é a da Colmea, creo que a pinchei no mapa, non estou seguro.

marian dijo...

Hola rapaces,creo k el ferreal es entre el espadanal y la carba y la abeneira es por e outeiro jeje ....eso espero un bico.