domingo, 11 de mayo de 2008

Os rescatadores de palabras. Vocabulario de Brumoso (I)

Sobre todo pola distancia, se cadra non podemos facer moito por procurar que se conserven os tesouros naturais, arquitectónicos ou etnográficos da nosa terra. Pero hai algo que si podemos facer: procurar que non desaparezan as palabras que nos enseñaron os nosos vellos e que conforman un rico patrimonio cultural que tamén está en perigo, sobre todo agora que Horacio Rodríguez xa non poderá continuar o interesante traballo que deixou neste ámbito. O meu irmán, Pablo, foi o que me apuntou a posibilidade de facer algo desde está páxina. Agora que están de volta os superheroes dos tébeos, ¿que vos parece se nos sumamos á moda e facemos un equipo de rescatadores de palabros de Brumoso e arredores? A modo de anticipo, publico unha primeira entrega de definicións máis ou menos consensuadas entre nós e abertas ás opinións e matizacións de todo o que queira achegalas para a súa incorporación, xunto con novas palabras que iremos publicando pouco a pouco. A idea sería rescatar as palabras que non estean recollidas nos diccionarios de lingua galega ou que teñan para nos un significado non recollido ata agora. Non se trataría de traballar por enriquecer a lingua galega (que tamén) senón para procurar que as palabras da nosa terra non desaparezan como están a desaparecer noutros sitios, palabras e linguas. A quen teña un diccionario de galego, pediríalle que comprobase que as palabras propostas para a Bolsa dos Rescatadores non están recollidas alí. Se non hai dicionario a man, xa as consultaremos os que o temos. E nada máis por agora. Só o adianto:

Atafuñar.-Tapar todas as frisgas, aberturas ou buracos dun espazo, por exemplo as caldeiras de cobre, para que non se escape ou para que non entre nada.
Callaforreiro.-Amigo de escallaforrar. Corriacheiro.
Corriacho.-Cousa de pouco valor.
Corriacheiro.-Curioso en exceso; amigo de buscar e coleccionar corriachos.
Descongraciado.-Pouco amigable, serio, egoísta e pouco agradecido.
Escallaforrar.-Furgar, rebuscar na procura de algo indeterminado nun sitio. O que fai un rapaz que acha un baúl no faiado. Revolver cousas sen buscar algo determinado.
Enronia.- Desexo intenso de algo. Desexo imprevisto ou inexplicable, semellante a antollo de embarazada. Desexo de algo non planeado
Espalvurir.-Espabilar, levantar a alguén; sacudir unha manta ou unha prenda con po, en desuso.
Estoubado.- Pouco formal, bruto, que fai cousas sin sentido.
Gorromela.- Enronia, antoxo, desexo intenso de algo. Pode asociarse a berrar de cordeiro á tarde, á espera de que chegue a ovella do monte.
Trexeitado.- Que non é xeitoso; referido sobre todo a acceso, entrada, camiño, escaleira. Pouco accesible ou dificultoso para entrar. En persoa, pouco mañoso para facer algo.
Xeitoso.- De trato fácil, agarimoso. Mañoso.
Zreixal.- Árbore que da zreixas. Noutros sitios é cerdeira e da cereixas.

3 comentarios:

Xabres da Teixeira dijo...

Apuntome a idea, ti, que sabes de como, deberias artellar algo donde, todo aquel que queira, aporte as súas verbas.
No senso de recuperar, ou por en valor, o que deixou o Horacio, haberia que ver de falar cos responsables do concello, e cos familiares para ver a posibilidade de, en algures, facer un inicio de un museo etnográfico, a partir do que xa hay.
Apertas

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Non tiven tempo de ver que software nos podería servir para facer unha especie de diccionario en rede, pero sospeito que non serve un blog calquera para soportala. De todas formas, rescatar palabras é un labor que se pode facer sen máis ferramenta que a vontade. O meu convite vai pensando en irmos publicando aquí mesmo as palabras que vaiamas estimando estrambólicas de abondo para merecer o esforzo, que cada un poida matizar as dos outros a través de comentarios como este. Eu comprométome a ir publicando as novas entregas cando teña un número axeitado de palabras, entre 10 e 20, coas súas definicións correspondentes. Cando demos coa ferramenta adecuada onde cada quen poida ir publicando as súas, xa teremos con que alimentala. Mentres tanto, cada un podería ir xuntando as palabras rescatadas nun documento propio e de todos, porque as palabras ou son de todos ou non sirven para nada. Eu xa teño unha segunda entrega perfilada, pero confío en recibir novas achegas.
Saúdos.

Xabres da Teixeira dijo...

Eu xa teño algunha palabra e algún modismo, pois cando me lembra algunha e teño donde tomar nota, recolloa.
Teño un problema,por eiqui non hai louxiñas don apuntalas.
Que sexa unha homenaxe o Gran Cazador Horacio.
Apertas.