domingo, 26 de abril de 2009

A crise provoca a resurrección do medio rural?

O rural resucita coa crisis. En Brumoso aínda non se nota, pero seica a tendencia xa se está a ver en moitos sitios. Xente emigrada a zonas industriais que retorna á aldea e saca ferruxe a vellos tractores para pedirlle á terra o que non lles dan as empresas nin as oficinas de emprego. Porque a terra é máis xenerosa cá cidade. A terra, a pouco que lle deas, da. Nunha reportaxe publicada en El País saen exemplos que nos son próximos, o dun mozo de Chaguazoso que está contento de volver a dullar coas vacas, logo de quedar no paro. Volve de L`Hospitalet, unha cidade onde seica hai dous equipos de fútbol, de afeccionados con menos de 40 anos, todos eles dese mesmo lugar do concello e A Mezqueita onde algúns chegamos -tempos aqueles- na procura de días de festa. A este mozo tocoulle volver antes dos corenta e pode acollerse ás axudas de Xunta de Galicia para a incorporación de xente nova ó mundo rural. Aparece retratado, cón dúas das súas vacas, nunha corte das de antes (a da imaxe non é a súa vaca, a da imaxe chamábase Garbosa e criaba vitelos como poucas vacas do país).


Non sei se a normativa galega é máis tolerante, máis próxima á nosa realidade. Se en Brumoso quixesemos volver a poñer unha vacada temo que o teriamos máis difícil. Teriamos que facer unha nave fóra do espazo urbano, gastar uns bos cartos nesa construcción, porque o gando semella ter más dereitos cás persoas. Somos de Castela e León, esa comunidade que é terra de campos, onde hai grandes explotación agrogandeiras. Non sei se a normativa recolle excepcionalidades para as bordas, para as zonas como As Portelas, onde á parte de falar galego estamos condicionados polo minifundismo que impoñen os lombeiros.
Con todo, a terra é máis xenerosa cá cidade. A pouco que lle deas, devolve multiplicado. Non dará para embolsar unha soldada a fin de mes, pero sí producirá de abondo para non ter medo de pasar fame. Cunha hortiña, catro nogueiras e media ducia de castiñeiros, con catro pitas e media ducia de coellos, quen dixo medo?

jueves, 23 de abril de 2009

Comer terra

Foto de Eva Máñez
De rapaz, recordo comer gromos de parreiras, acedas, mesmo pétalos dos cacaragás, que é como chamamos ás prímulas nas Portelas. Ou cacaragalos. O tempo de gardar as vacas ou as ovellas sempre rendía demasiado e había que matalo dalgunha maneira, a ser posible, matando ao tempo o bicho que bulía na barriga. Tamén gustaba a parte máis tenra da més (o centeo en verde), que servía para soar como palleta antes de ser degustaba. O pan, de centeo, era máis negro có centeo que se pode atopar agora nalgunhas panaderías que fabrican galicatessen. Daquela o gran rodaba polas airas enfeitadas con bosta seca, polas arcas e polas tremoias dos muíños antes de rodar, xa como fariña, pola maseira e polo estrado dos fornos. Abofé que, en tan largo camiño, o centeo acababa mesturado con terra, a negra terra daquela contorna. Pero tamén estou seguro de que había máis pan que terra. Nestes tempos de crise nas terras da- fartura, chama especialmente a atención saber de lugares como Haití, onde para combater a miseria que deixou o último furacán, xa vai medio ano, matan a fame con galletas feitas de arxila, aceite e sal. Galletas grandes coma pratos que secan ao sol e que, logo, causan desnutrición, dor de tripas e parasitos. Pero que, de entrada, matan a fame. Un lote de tres galletas custa 10 céntimos de euro. Moito menos que calquera outra comida. Os tempos cambian. Sempre se pensou que a terra, que nos alimenta co que produce, estaba destinada a comer o que quedase de nós, logo da morte, para cerrar o círculo reclamando o seu. En lugares como Haití, agora, a consigna semella ser comer terra para sobrevivir un pouco máis, para prolongar no tempo a cita para ese encontro inevitable.
Artigo publicado en A Nosa Terra, 23 de abril de 2009

jueves, 2 de abril de 2009

O dinosauro

Non coñecían grandes bibliotecas. Non lles servirían de moito, porque a maioría non sabía ler. Non tiñan acceso á internet. Non botaban en falta a rede. Tiñan referencia de que, en tempos remotos, houbera dinosauros nas súas terras. Algúns, mesmo viran brancos buscadores de ósos. Pero estaban case convencidos de que agora non había dinosauros alí. Así que o seu medo era para os leóns, para os rinocerontes e os crocodilos. Para os homes con armas fabricadas noutros mundos. Para os homes de pel branca, aínda que fosen sen armas. E para un ser invisible que chamaban sida e que afectaba a millóns de adultos e a millóns de nenos xa orfos. Foron aprendendo a convivir con ese medo grazas á intervención de curandeiros brancos que os convenceron de que había un sinxelo método de protección contra ese depredador sen misericordia. Ata que apareceu por alí outro ser aparentemente insignificante. Branco, mesmo nas vestimentas, longas ata o chan. Branco, si, pero sen armas de metal á vista. Pequeno e con moita idade para meter medo. Cunha gorra que lle quedaba claramente pequena, que parecía dun cativo. Semellaba inofensivo. Levaba un colgante coma o doutros brancos de roupas cumpridas que non se distinguían por ter feito mal a ninguén. Aprendían a rezar ao seu deus, pero axudaban a vivir mellor. Pero este branco vestido de branco faloulles de que o remedio contra o monstro invisible que chamaban sida non remediaba nada. Que era peor usalo que non usalo. Daquela, comprobaron canto medo pode dar un ser aparentemente inofensivo. Comprobaron que arma terrible pode ser a palabra. Daquela, comprenderon que o dinosauro aínda estaba alí.

Artigo publicado en A Nosa Terra, Nº 1.352, de 26 Marzo 2009

lunes, 30 de marzo de 2009

Os abrazos rotos do oso amoroso

Non son só os cardos os condenados a secarse en soidade. Tamén os seres máis agarimosos e suaves poden acabar por ser abandonados, coma se fosen lixo. Como este oso, que semella non ser capaz de crer o que lle tiña reservado o destino. Cantas caricias recibiría? Cantos abrazos lle darían ao longo da súa vida? Non abondou. As persoas vellas acaban a miúdo soas, ata que o cheiro alerta ós veciños, ou aparcadas en asilos, pero os osos tampouco corren mellor sorte. En plena crise, cando o máis indicado sería bañarse con el -porque non cabería en calquera lavadora- para darlle unha segunda vida, o oso da imaxe acabou na rúa, agardando polo camión da basura. Unha mostra máis da falta de gratitude dos humanos, coma se iso precisase demostración. Unha vez máis, abrazos rotos.

miércoles, 11 de marzo de 2009

Trinta e cinco anos despous

A rede, esta rede, é como a do arañón. Un perigo. Estás enganchado. Á vista de todo o mundo. Neste caso, a miña sorpresa non foi por culpa de Brumoso, que segue a ser un lugar perdido no mapa de ningún sitio, unha ventana que me permite seguir exercendo de home invisible (ou case). Neste caso, descubríronme por outro dos sitios onde estou a través das miñas historias. A través da BVG veu dar comigo, trinta a cinco anos despois, un amigo e compañeiro da minoría de idade, cando os dous cursabamos, xunto con outros retratados para a posterioridade, terceiro de oficialía industrial pola rama de electricidade. O meu compañeiro, que era un notable saltador de pértiga, conseguiu traballar seguindo o oficio dos chispas e hoxe é un dos responsables de que a enerxía eléctrica nos acompañe e sirva. Eu seguín probando outras ocupacións para chegar a conclusión, xa hai tempo, de que nunca terei mellor oficio có que me ensinaron de rapaz os meus pais, o de mirar para a mai terra. As fotos, como a rede do arañón ou a de internet, son tamén un perigo, porque nos deixan ver o que fumos. Mozos. Os espellos, outro perigo, son os que deberían ocuparse de dicirnos, en cada momento, o que somos. Pero son aldrabóns. Por iso, para facernos unha idea cabal, temos que contrastar as fotos coa imaxe do espello, que se empeña en amosarnos unha representación de nós que está máis na nosa memoria ca na nosa realidade. Moi a miúdo, no espello vemos o que lembramos. Son os outros, os que nos rodean, os que van vendo o que somos. Sobre todo se só nos ven moi de cando en vez.

viernes, 27 de febrero de 2009

Economía de aforro: pecho e aldraba nunha mesma peza

Eu non teño -como 365- un día vago. Eu teño un día vago case cada día, case 365 días vagos por ano. Por iso pasan tantos días sen actualizar esta páxina. Vai agora, por escribir menos, esta entrada con foto exemplo doutros tempos de vacas fracas e economías aforradoras. As portas acostumaban ter aldraba e pecho, ou carabillo, se eran de casa e non de corte. Neste caso, a aldraba está na mesma peza que o pecho. Poderiamos dicir que é un pecho con nariz.

martes, 10 de febrero de 2009

¿Caprichos ou agasallos da maltratada natureza?

Pese ás nosas constantes contribucións a ese cambio climático tan evidente, por moito que proliferen os apóstoles do non (ben pagados, seguramente) como Aznar e compañía, a natureza segue a regalarnos imáxenes impagables. ¿Son caprichos da natureza ou guiños que nos fai para ver se nos ablanda para que a tratamos mellor? ¿Tal vez só dous castiñeiros namorados, alleos ós miróns? Agardemos que non sexa o canto do cisne antes de morrer. Esta imaxe regalada capturouna o Pablo e estou seguro de que celebra vela de novo e compartila.