jueves, 2 de abril de 2009

O dinosauro

Non coñecían grandes bibliotecas. Non lles servirían de moito, porque a maioría non sabía ler. Non tiñan acceso á internet. Non botaban en falta a rede. Tiñan referencia de que, en tempos remotos, houbera dinosauros nas súas terras. Algúns, mesmo viran brancos buscadores de ósos. Pero estaban case convencidos de que agora non había dinosauros alí. Así que o seu medo era para os leóns, para os rinocerontes e os crocodilos. Para os homes con armas fabricadas noutros mundos. Para os homes de pel branca, aínda que fosen sen armas. E para un ser invisible que chamaban sida e que afectaba a millóns de adultos e a millóns de nenos xa orfos. Foron aprendendo a convivir con ese medo grazas á intervención de curandeiros brancos que os convenceron de que había un sinxelo método de protección contra ese depredador sen misericordia. Ata que apareceu por alí outro ser aparentemente insignificante. Branco, mesmo nas vestimentas, longas ata o chan. Branco, si, pero sen armas de metal á vista. Pequeno e con moita idade para meter medo. Cunha gorra que lle quedaba claramente pequena, que parecía dun cativo. Semellaba inofensivo. Levaba un colgante coma o doutros brancos de roupas cumpridas que non se distinguían por ter feito mal a ninguén. Aprendían a rezar ao seu deus, pero axudaban a vivir mellor. Pero este branco vestido de branco faloulles de que o remedio contra o monstro invisible que chamaban sida non remediaba nada. Que era peor usalo que non usalo. Daquela, comprobaron canto medo pode dar un ser aparentemente inofensivo. Comprobaron que arma terrible pode ser a palabra. Daquela, comprenderon que o dinosauro aínda estaba alí.

Artigo publicado en A Nosa Terra, Nº 1.352, de 26 Marzo 2009

2 comentarios:

Xabres da Teixeira dijo...

Mais voçe fai mandra a esgalla.
¡Menos samba y mais traballá!
Veremonos nas proximas datas?.

Javier Lopez Rodríguez dijo...

A partir do mércores, no Val dos Marcos revirados. Se non hai contraorde.