domingo, 6 de julio de 2008

Vocabulario de Brumoso VII: Un monográfico, ou case, para o carro

Tiña poucas palabras en reserva e, entre as que había pendentes dos vosos envíos, algunhas estaban moi ben clasificadas no meu dicionario galego de cabeceira, o Gran Xerais, así que aínda me quedaban menos. De modo que comecei a darlle un repaso ao carro, o instrumento principal, co arado, da labranza que eu vivín de mozo. Así foi como dei cunha embalsada de palabras que merecían repaso e recoñecemento. Non vai relacionada chavella porque non ten perigo de perderse; son as da cabezoalla do carro, que levaba dúas fixas, a principal para o xugo e a dianteira, máis pequena, para o estrinque da cuartea; é tamén a peza solta que suxeita o timón do arado ó xugo mediante a trasga, unida pola súa banda ó xugo mediante un bocado de sobeo. Non vai cabezoalla porque tamén está libre de perigo, ben referenciada. Tampouco van as rodas, coas súas cambas e os seus ollais; andan soas; andaban moitos anos despois de seren protexidas cos seus correspondentes aros de ferro. Tampouco cito o espigo, a parte do eixe que atravesa a roda. E fáltame a imaxe: en canto volva a Brumoso fágoa e súboa aquí, que aínda temos os dous carros no museo: un en cada pallarega.

Abrazó.-Extremos traseiros da aixeda (cheda) do carro, que sobresaen por detrás da mesa traseira. Co carro descargado, servían para agarrarse deles, levantar o carro e volvelo á rodeira; co carro cargado, ou se buscaba outra xunta para acuartear ou había que descargalo antes.
Aixeda.-Para o Gran Xerais, e con minúscula, é a definición do carro completo. Para nos é o que os galegos chaman cheda, a viga aberta en dúas facendo unha vigantesca uve vestida coas táboas no estrado e aconchegada polas mesas dianteira e traseira: a aixeda comeza na punta da cabezoalla (palabra si bendecida polos diccionario) e remata nos abrazós.
Berbiois.-En plural, constúen a parte principal e máis consistente da estadullada; están en minúscula no Gran Xerais, que converte os estadullos en protagonistas principais; os berbións son os estadullos máis grosos que se colocan nas mesas dianteira e traseira do carro, que limitan o estrado; os dous berbiois de cada lateral van unidos nun todo mediante dobres barras laterais de madeira; os estadullos completan o entramado, pero son menos importantes cos berbiois, que van encastrados nas mesas por abaixo e amarrados arriba mediante as soltas, cando a carga chega ás puntas.
Camballota.- Curva, torcedura. Virá das pezas curvas que compoñen as rodas dos carros, chamada cambas. O carro ten curvas suaves, as camballotas son curvas máis bruscas, sen xeito.
Cadea.- No GX é traveseiro do chedeiro dun carro. Paran ós require definición algo máis concreta. Son os traveseiros que separa nas varas da aixeda n aparte traseira e traseira do estrado do carro; sobre elas van clavadas as mesa sonde van encaixados os berbiois.
Encamballotado.-Retorcido, cheo de camballotas. Aplícase tamén ás persoas vellas, cando están xa moi dobradas, con perfil de fouce.
Entrouso.-Unha especie de cunha combada, que suxeita o eixe no mión pola parte de fora da roda.
Gobernar.- Amañar, reparar, arreglar algo estragado. Está no diccionario galego, pero estamos deixando que desapareza. É palabra moi usada polos nosos maiores, incluso no sentido de aliñar (unha salada, un asado) ou adobar. Temos que gobernar a nosa lingua adoptando esta palabra deturpada polos gobernos que, polo xeral, fan de todo menos gobernar.
Estadulleta.-Estudullo ou fungueiro está recollido como merece no Gran Xerais; estadulleta só se amenta como algo menos importante, como “estadullo dianteiro do carro, máis curto que o resto”; non se lle fai xustiza, porque, de ser estadullo, era o estadullo máis importante, o que facía oco para que a vaca puidese arrimarse á aixeda e tirar. Sen estadulleta, a vaca tería que retorcer a cuada cara ó exterior e non podería tirar a xeito nin cabería polas rodeiras do camiño. Se o estadullo é o home (amigo de presumir e facerse ver, como o galo), a estadulleta é a muller (práctica, mirando por todo, con visión panorámica); sen un estadullo a carrada de herba chegaba a casa; sen estadulleta, non.
Esnagatado.- Como sairía un despois de caer no medio dun silvaredo, ou tamén despois de caer ós roullóns por unha louxeira.
Esparagallar.-Esparexer, para nós vai casi limitado ó esterco; esparagallar e esparexer outras cousas. Hermisende é un lugar con barrios esparagallados.
Estreitoira.-Os galegos, máis aforradores, prefiren treitoira, aínda que coinciden con nós en recoller como sinónimo apeladoiro. É a peza que, espetada por arriba nas varas da aixeda, aconchega o eixe por diante e por detrás; por baixo do eixe, as estreitoiras de cada lado do carro van unidas mediante unha terraxa, un largo parafuso; con carga e costa abaixo, apretábanse as terrraxas para que servisen de freo e non se vencese todo o peso na cabeza das vacas; os mozos amigos de presumir tamén apretaban as terraxas do carro para facelo cantar, para que as mozas soubesen deles.
Mesa.-Para o GX é o leito do carro, o estrado; nos poderiamos definilo como as soltas de abaixo; non poden ser soltas porque son de madeira labrada e van amarrando a aixeda e pondo límites ó estrado; en cada extremo, acollen a base cadrada dos berbiois.
Recadén.-Está ben definido no GX, pero non me resisto a recoller a palabra que designa a xugada contraposta á cuartea, destinada a tirar desde a parte posterior do carro para evitar que que a carrada arrastre ou atropele á xunta principal en baixadeiros perigosos con cargas excesivas; tamén leva ese nome a argola que, con ese fin, ía enganchada na cadea traseira, entre os abrazós.
Silvaredo.-Matagueira de silvas (os galegos prefiren silveiral). O que máis abunda, agora mesmo, en terras de Brumoso. Tamén hai moito sabugueiro, que cheira ben cando está en flor e arrebuña menos.
Solta.-Peza de pouco máis dun metro, coma un estabullo coas puntas retorneadas e convertidas en argolas para unir as puntas dos berbiois dianteiros e traseiros co fin de amarrar a carga. Como case todo o carro (salvo o eixe, que era de afreixo), facíanse de negrillo; se hoxe houbese que volver ó carro, cos negrillos comidos pola peste, habería que probar outra madeira.
Tusilvana.- Tunda, unha chea de labazadas.
Veldro.-A denominación da vestimenta completa da ovella logo de tosquiada, un veldro de la.
Vío.-Pao duns dez centímetros e gordo como o pulso dun rapaz que, espetado pola parte baixa da aixeda, serve para enganchar a treixa e suxeitar a carrada. Hai dous adiante, por diante da mesa dianteira, e dous atrás, a carón dos abrazós. En galego do Gran Xerais e a parte inferior dun fungueiro para ese fin

11 comentarios:

Nane Nane dijo...

Oliña!!
carai, non sabía que estábamos en números roxos en canto a palabras se refire..
Lendo as túas, veume de repente unha que usa muto a miña maiciña, que debe vir de Camballota, mais ela usa do siguiente xeito: "vi o Ti tal, xa que vello estaba, estaba todo encamballotado",jeje.
Ya de veldro non sabía, eu ouví VELDREXO, que non sei se tamén se pode ussar nesa acepción, e non sei tampouco se é con "b" ou "v"..é tipica da Lena, a si que xa le preguntarei.
Coma hoxe vai de recordar Xente, ai te vai outra que decia a nosa Consuelo,ya tamén muto a Carme "PENACHO", no diccionario da xunta ven con outras acepciois, a sique ahi vi a nosa: Penacho, dícese da muller ou do home que sain muto de ronda, intentan rondar a mutas/os a vez, non fain caso as ordes, e tenden a ser contestois. Exemplo: Esa/ese, e un penacho, non para na casa. Agora intentao tu, que non é moi sinxela a palabra,jejej.
Teño outra pero teis que axudarme, TEMOUCELA,U TIMOUCELA? esa é en honor do Ti Modesto, que nunha istoria que me cuntou, pra comparar o pai do Ceferino, ou o abuelo non sei moi ben,dixome: "era máis largo que unha timoucela", ya creo que si non mezclo significados, eran unhas trancas que se puñan por detrás das portas pra pechalas. Xa me corrixirás se me equivoco.
Esta non sei se está recollida xa, no diccionario ten outra acepción. ANDAINA: tunda, enchente de paus,malleira, tusilvana.
Por certo nunha entrada anterior deixote utro comentario que escribí fai tempo pero este trasto non me deixou mandarcho, e quero que o leas, se non teis muto que facer..non é moi longo, non desesperes,jej,
Bicos mil!!!

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Creo que é timoncela, que en realidade é un timón sen arado, que según que familia, era empregado como sustituto do estrinque para pórlle cuartea a un carro. Creo que xa o recollimos (Horacio, tamén). Emcamballotado era a que era a que eu pretendía pór onde pun encomballatodo ou algo así. Agora corrixo. Da andaina como sinónimo de tusilvana si que non me acordaba, vai paraa próxima.
Saúdos e grazas.

Nane Nane dijo...

Como vexo que os nosos rescatadores están de langrais, ya eu xa me fartei de ouvirme recitando a defensa de mañá, pous alá vain outro mangado de palabriñas nosas..
CAVOCO:Dícese da formación oreográfica que se produce cando a inclinación de dúas ladeiras se aproxima muto no fondo da súa pendiente.Miña aboa Mamatina sempre que me enseñaba a que algo desagradable desaparecera da miña cacholiña, decíame "ala, todo pro cavoco do litro, que dalí non sai nada". Non sei se vai con B ou V, no DRAG non ven de ningunha das dúas maneiras.
TOUTUZO: esto non sei ben como definilo, a primeira vez que o ouví foi a un home de Castromil, ya como pensei que nos, non a usabamos, pregunteie o Tati ya díxome que sí. É coma un desnivel nun prado, intentari averiguar máis.
GARBANCEIRA: Arbusto espiñoso, primo sa silva, xa que tamén ten picos, ainda que máis grosos, ya ten coma froito unhas boliñas coloradas, que segundo os vellos tein veneno.
SARRITÁN:agora mesmo, non sei se é o esternon, ou os ósos das costas, difinela ti por favor?
ESTERLINCAR: acción de frotar os dentes dabaixo contra os de enriba. Suele facerse inconscientemente, sobre todo cuando se durme. Os fernández somos grandes aficcionados..
EMBUNTAR/EMBOLIGAR: son sinonimos de embadurnarse de algo, no caso de emboigar suele se de merda, no caso de embuntar pode ser reflexivo, sustancias que se poñan no propio corpo, coma cremas, e demais potingadas, "embunteime ben de colonia para que non me picaran os mosquitos", ou tamén podes embadurnar algo, por exemplo: "enbadura o mode para que non se queime o roscón".
Ala, mentres que les, corrixes, e tal, ainda vais pasar un pouquiño.
Bicos

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Sarritán é a columna, xa o temos recollido (tamén para lombeiro de fragas con forma de sarritán). Cavoco,en versión galega, e cavorco, debeu perder unha letra polo cavoco do Litro; igual lla puseron os galegos de máis, así que ímola recoller.
Grazas, traballadora.

Xabres da Teixeira dijo...

Vouche engadir, entrouso, que é unha especie de cunha combada, que suxeta o eixe no mión pola parte de afora.
De nada

Xabres da Teixeira dijo...

Olvideime de que cuña non é con nh.
Xa vai un un chisco fodido coa "mamoria"

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Soame a palabra, pero de lonxe. Polo que explicas, entendo que é a peza que enlaza o eixe coa roda, pola parte de fóra da roda. Se non é así, corrixe, que xa a sumei á lista.
Cando me mandas o de Horacio, ¿eh?
E ti, nane nane, ¿anímaste ou que?

Sau2 para os 2

Nane Nane dijo...

Vou intentalo, a ver se me repoño da exposición de hoxe...se vexo que non me da tempo, porque ainda teño outro examen a semana que ven, xa te digo antes do vernes.. Porque necesito unhas condiciois que agora mesmo non teño, a miña enerxia anda agatuñando puntos nas probas....
bicos

Javier Lopez Rodríguez dijo...

O primeiro é o primeiro. O teu Tati estaría de acordo.
Bico e sorte.

Xabres da Teixeira dijo...

Oes, xa te mandei fai uns días o de Horacio, o correo que dixeches, e aparecia que fora recibido, mira a ver e se non o tes repito-o

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Creo que non o recibín, xabrés. Salvo que o tirase pensando que era spam.
O correo era jlr@igape.es.
Mándao de novo, porfa.