martes, 8 de julio de 2008

Cando precisan asistencia hospitalaria, As Portelas e Brumoso xa miran cara a Verín

Se por algo ten sentido a descentralización administrativa que se abriu coa creación do chamado Estado das autonomías, é pola conveniencia de achegar os cidadáns unha atención de máis calidade e máis próxima. Iso, cando se trata de concellos do rural, como son os das Portelas ou os de Brumoso, moi espallados sobre o territorio, sempre é máis complicado. Onde a administración competente non é tan próxima como sería desexable, é onde deben entrar en xogo os convenios. Ás veces, cando os políticos non saben que facer con algo, optan por crear unha comisión ou un comité. Noutras ocasións, asinan convenios. Pero os convenios non sempre son inventos baleiros. Cando os convenios nacen para dar resposta a unha necesidade, poden funcionar e funcionan. Entre Galicia e Castilla y León xa funcionaron ou están a funcionar en materia educativa ou para a extinción dos lumes.


Agora chegoulle o momento á sanidade. Para a atención hospitalaria, os residentes dos concellos de Porto, Pías, Lubián ou Hemisende xa poderán acudir ó hospital de Verín en vez de ir ó de Zamora. A distancia é unha hora máis (ou menos), de modo que a escolla será moi doada cando haxa que facer fronte a verdadeiras urxencias. Unha hora pode ser a diferencia entre a vida e a morte. El Correo Gallego recolle a novidade nunha ampla crónica que inclúe foto de Felipe Lubián e frase con vocación de permanencia: “Estamos trazando permanentemente liñas e as peores fronteiras son as da nosa cabeza”. Nunca se consegue o que non se intenta. Neste novo avance contou coa comprensión e a colaboración imprescindible do director provincial do Sergas en Ourense, David Simón Lorda, que ademais de médico é persoa moi vinculada ás Frieiras. O mellor deste novo logro é que haberá liberdade de elección: quen teña familia en Zamora, poderá pedir as súas consultas ou hospitalizarse na capital da provincia; quen non, terá Verín moito máis cerca; con sorte, ademais, falaranlle na súa lingua, e iso cura tanto como as meciñas.

4 comentarios:

Xabres da Teixeira dijo...

¡Uy que carallo!, estaba eu afiando a caneta para meterme con Felipe Lubián
un chisquiño, por acaparar para Lubián o protagonismo da Alta Xeabra, cuando entrei nO Correo Galego, na referencia que fas, e ó entrar nos comentarios, decidin que Felipe é caseque Dios comparado cos tais comentaristas.
O elemento que firma como piche, ou algo así, escaralloume totalmente.
A ver si hai sorte, e cando eu sexa maior de idade, consigo falar ben do centralismo ainda que creo que as canoxias está esgotadas.
Con relación a sanidade e a ensinanza, se os xabreses prefiren a sanidade galega, supoño que será por algo.
Cando en Zamora se enteren, as autoridades, que a Xeabra non so sirve para ir os fins de semana, e que na zona viven persoas, o melor escomenzamos a entendernos.
La mento a perorata, so por larga.

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Felipe ten bastante culpa de que se fale algo dos concellos galegoparlantes de Zamora, de que "existan" para o mundo. O que non poderás é pretender que dea xabón a Hermisende ou Pías en vez de defender a Lubián. Vai ser que nós aínda non aprendimos a vender ben o máis noso. A ver se para cando teñamos uso de razón.

abobriga dijo...

Cando lin a nova no Correo acordeime inmediatamente de ti, e de máis un ex compañeiro de correrías por Pontevedra de Lubián, que estudaba Belas Artes e estaba emparentado cunha francesiña filla de emigrantes...

Por certo, no comentario ese de "se non saben que facer, monten unha comisión" nótanse ben os teus anos de cronista parlamentario.

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Abogriga, abobriga. O resto non sei, pero a francesiña ben se ve que deixou lembranza...
Unha aperta e boas vacacións (agardo que poidas permitirte o luxo).