viernes, 25 de junio de 2010

"A morte natural, co ciclo completado, está demasiado sobrevalorada"


Entrevista con Xavier López Rodríguez, autor de "Hai que ir morrendo" (unha de autobombo)

Xurxo González/ ANT Nº 1412 (Foto Paco Villalobos)

Con máis de 25 títulos ás costas, Xavier López Rodríguez (San Cibrán de Hermisende, 1956) vén de presentar a súa última obra, Hai que ir morrendo (Edicións A Nosa Terra, 2010). Caracterizada como unha “biografía do futuro”, o zamorano preséntaa como un texto difícil de clasificar, a medio camiño entre a novela e a colección de contos. Son varios os temas que suxire a súa lectura, pero para moitos destacará a descrición desa área de Zamora que conforman os concellos de Lubián, Hermisende, Porto e Pías, que comparten o galego na raia coa comunidade autónoma de Galicia. Ademais, e a pesar do que poida suxerir o título, Hai que ir morrendo trata sobre a dignidade de completar naturalmente o ciclo da vida.
- Neste libro fala da súa obra anterior. Como se insire nela?
- É un produto atípico, pero mantén un nexo con todo o que levo escrito, que é o interese por emocionar. As veces son emocións de carraxe ou de odio, como en Destrución. Neste caso trátase dunha emoción máis humorística, pero mantén o universo onde me sinto máis a gusto, que é o medio rural do que veño enlazado co medio urbano no que vivo. Sáese do común xa que é un produto máis difícil de catalogar, no sentido de que se pode ver como unha especie de autobiografía de futuro, polo tanto falsa, como case todas ao parecer. Tamén se pode ver como unha novela ou como unha colección de relatos. É un produto híbrido, mixto.
- Tiña necesidade de reflexionar sobre as súas obras anteriores?
-Non, non escribo querendo deixar unha obra que sexa recordada, senón porque o paso ben e porque non sirvo para contar contos. Se fose capaz de facelo como a algúns dos maiores que eu coñecín, se cadra non sentía a necesidade de escribilos. Non quero facer un repaso da miña vida, que non penso que lle interese a ninguén, nin despedirme. Este libro é un esconxuro: pretende apostar pola vida falando da morte. Tamén se trata de cruzar os dedos a ver se se poden vivir outros trinta anos. As mortes soñadas que enlaza o protagonista narrador son sempre coa vida cumprida. A morte natural, co ciclo completado, está demasiado sobrevalorada. Hai que vela con naturalidade e con certo sentido de humor. Supoño que ten que ver co feito de ter pasado o ecuador.
-O libro trata tamén sobre a vellez. Sendo un tema tan presente na sociedade galega, pensa que a literatura a trata axeitadamente?
- Non sería quen de dicilo. Eu sinto necesidade de falar deste tema quizais pola miña orixe. Na aldea os rapaces conviviamos cos avós. A vellez e a morte vívese de xeito diferente nas aldeas e nas cidades.
- Como ve a situación do galego en Zamora?
- Como diría Manu Chao, con infinita tristeza, porque onde non hai xente non pode haber lingua. Na miña aldea, San Cibrán de Hermisende, había máis de cen persoas, pero só quedan quince. Algúns volven cando se xubilan, pero a maioría dos seus fillos e netos xa non falan galego. As aldeas da Sanabria galega non desapareceron en ningún caso, como si ocorreu en Galicia. Pero ao galego en si non lle vexo moito futuro por causa dos políticos de Castela e León. Poderían coidar este patrimonio como coidan os restos arqueolóxicos. Hai que mencionar ao alcalde de Lubián, Felipe Lubián, que é un defensor do galego, mesmo no parlamento de Castela e León. Pero en xeral, sinto que os políticos zamoranos nos ven como traidores por falar galego. Non consideran unha lingua máis como unha riqueza.
- Vostede recompila palabras propias do galego zamorano...
- Foi unha maneira de rebeldía contra a perda do propio patrimonio. Contei coa complicidade da xente máis nova, que amosa interese polo nome das cousas e dos sitios, que tamén se están a perder. Reunimos palabras que están publicadas sen máis pretensión que conservalas para quen teña curiosidade.
- No libro inclúe algunhas palabras propias desa área.
- Tiña interese en incluír certas variantes. Cerdeira para min foi sempre zreixal. Outra que lembro é afeto, por fieito. Non se trata de entorpecer a lectura, pero a variante zamorana está presente tamén en Amigo medo e Destrución, en xeral en todos os meus libros que non se dirixen a un público infantil. Entendo que neste caso non debo dificultar a aproximación dos rapaces meténdolle palabras da miña terra que non van escoitar nunca máis.

miércoles, 23 de junio de 2010

Os ricos florecen coa crise

Que crisis? En España hai 143.000 millonarios en dólares -sen contar primeira residencia nin consumibles-, 16.000 máis que en 2008. Son estatísticas de Merrill Lynch. O número de ricos de España dobra o de Alemaña e supera tamén as cifras de Francia ou Italia. A crise está en Galicia. Segundo fontes bancarias citadas por Faro de Vigo, en Galicia hai un 3% menos de ricos: só 22.150. Así non imos a ningún sitio. Ou si. O 15,5% dos millonarios españois son galegos, segundo estes datos. A taxa dobra á da poboación.
E os pobres que? Hai crise de pobreza? Non, a pobreza florece tamén en España e en Europa. Os pobres non son millonarios, pero España si é millonaria en pobres, e Europa tamén. Un de cada 5 españois está no umbral da pobreza, o 20% dos españois. Oito millóns de pobres en España, 80 millóns en Europa; do resto do mundo, mellor non falamos.
Non sei se Merrill Lynch estará a facer un estudo para saber se o número de non pobres que non son ricos serán suficientes para conseguir que o número de ricos siga medrando ou se manteñan, no peor dos casos, estable. Non deberían preocuparse. E os ricos, tampouco. Os pobres son moitos: a pouco que se lle poda cuchar a cada un, abondará para que os ricos poidan seguir sendo máis ricos. Os gobernos, visto está, non teñen nada en contra desa política.

martes, 8 de junio de 2010

O asasino

Como libro, non me pareceu especial. Non como libro de Zweig. Non como esas novelas curtas que che deixan sen alento, prendado delas. Para o meu gusto, esta non está a altura de Carta dunha descoñecida, nin de Vintecatro horas na vida dunha muller, nin sequera de Viaxe ao pasado. Por primeira vez, sentinme un chisco enganado. Non polo autor, Stefan Zweig, que segue a ser un mestre na descrición de ambientes e sentimentos. Polo editor. Pereceume que Foi el? era un relato apreciable dentro dun libro de relatos. Sentín que non tiña entidade nin peso para constituir un libro por si mesmo. Ata que nos poucos días que me levou a lectura coincidiron dous sucesos igualmente abraiantes. Dous cativos de poucos anos acabaron mortos polos inesperados ataques de cans da propia familia. Un, nas proximidades da casa. Outro no propio piso, cando estaba nos brazos da nai. Visto así, o libro de Zweig resulta tan terrorífico como profético. O libro que non debería deixar de ler ningún pai susceptible de caer na tentación de meter na casa un can bravo -pitbull ou semellante- para ter a ilusión de estar protexendo á súa familia ou para conceder un agasallo moi pedido. Polo visto, e como pouco, resulta imprescindible prepararse e preparar ao can para esa convivencia con cativos. Foi el? Nos casos que trascenderon aos medios con poucos días de diferencia, efectiva mente, foi el. Foron eles.

domingo, 30 de mayo de 2010

Un camiño monumental

Un camiño tan ben labrado na pedra durante séculos ben merecía levar a un sitio tan mítico como o Machu Pichu. Neste caso, o camiño non leva a ningún paraíso, natural nin artificial. O monumento é o camiño. A Petada. Un monumento á paciencia. A dos que guiaban os carros que, ano tras ano, ían labrando nos penedos coma se fosen de manteca. Se agora fose necesario, ou rebentariamos o lombeiro con explosivos ou empregaríamos unha tuneladora para facer un burato. E adeus monumento.

domingo, 16 de mayo de 2010

Navalladas no cumio dunha xustiza que quixo ser vinganza

Teremos que seguir acatando as decisións da xustiza, aínda que as recurramos polas vías que procedan. Pero creo que a confianza na xustiza queda ferida de morte. Polas formas que se lle ven. Pola saña coa que se mostra. A vista dos acontecementos dos últimos días, da acelerada e unánime suspensión acordada polo Tribunal Supremo contra o xuíz Garzón, un non pode deixar de pensar na morte de Julio César, e non porque se poda comparar ao defenestrado xuíz co ditador máis famoso de todos os tempos. Non sei se entre os que tanta présa se deron por facer felices a Falanxe e Manos Limpias habería un ou máis dun Bruto. Non sei cantas navalladas leva enriba Garzón nin cantas leva enriba a xusta demanda dos que queren saber qué pasou cos desparecidos do franquismo.
O que si nos deron desde a cúpula do poder xudicial español foron argumentos de abondo para chegar á conclusión de que a xustiza pode ser ben áxil cando quere e que, neste caso, quixo ser vinganza en vez de ser xustiza. Iso quedou ben á vista de todos. Garzón é un xuiz demasiado ousado para os gustos da maioría (a totalidade?) desa cúpula que semella sacada doutros tempos para defender privilexios doutros tempos e manter no limbo xurídico os crimes doutros tempos. Seica existe aínda a posibilidade de que o poder xudicial abra unha vía para que o xuíz poida ir ao destino que pedía como saída honorable, a Corte Penal de La Haya. Se lle abren esa porta, será como unha condena máis. Porque primeiro xa lle fixeron morder o po, xa fixeron o posible para que Falanxe, Manos Limpias o partidos políticos coas mans tan pouco limpas como esas organizacións abrisen botellas para brindar pola destrución dun xuíz valente e recoñecido a nivel internacional.
As vítimas, no futuro, tal vez teñan que conformarse con que non as condenen dúas veces polo mesmo inexistente delicto. Ou buscar, no estranxeiro, a un xuíz valente como Garzón que teña por riba del unha cúpula máis comprensiva coas causas xustas, coas causas de xustiza universal, unha xustiza non comprensiva nin cómplice cos partidarios de manter escurecidos e sen investigar os xenocidios.
O que está a quedar claro de toda esta lea é "a profunda capacidade de causar inxustiza que ten a xustiza". Son palabras doutro maxistrado da Audicencia Nacional, José Ricardo de Prada, nunha entrevista que publica El País. En diante, a min a xustiza vaime producir máis medo que respecto, algo que xa me pasaba coas forzas da orde pública; neste caso sinto que se debe ó feito de que son persoas, persoas capaces de equivocarse e que van armadas; no caso da xustiza, o meu medo estará asentado en que nos está a demostrar que é capaz de adoptar decisións profundamente inxustas. De forma áxil e contundente, iso si.

Pornografía en "prime time"

O recrudecemento da crise económica, co sorpresivo anuncio de recorte de soldos de empregados públicos e conxelación de pensións, coincide coa estrea dun programa de corte escandalosamente pornográfico: Mulleres ricas. Un programa que, segundo din, nos mergulla no mundo do luxo e a exclusividade a través das rutinas de cinco mulleres que gozan dun alto poder adquisitivo, ao alcance de moi poucos. "E hoxe que vas facer", preguntalle a nai á filla adolescente; e ela contesta: "As uñas", con cara de colmar así as súas mellores aspiracións.
Amigo, se o soldo ou a pensión non lle abondan para alimentarse, vexa este programa. Segregará saliva de abondo para encher o estómago. Se en vez de segregar saliva nota que segrega bile, daquela apague a televisión e non mire para o mundo das mulleres ricas porque este programa non lle vai axudar. Se en vez envidia sa só sente noxo, terá que administrar ben a súa miseria e alimentarse polas vías tradicionais. E, desde logo, xa sabe, os menores non están preparados para ver determinados programas; na hora deste espazo acusadamente pornográfico e escandaloso mándeos á cama ou estrague as conexións da televisión e bótelle a culpa a TDT ou ó Goberno, que teñen as costas anchas e poden con todo.
Se vostede non é empregado público nin pensionista, sempre pode excitarse pensando en que, por unha vez, serán outros os que teñan que apertar o cinto. Goze así, que é unha pornografía menos dura e, seguramente, máis saudable.

martes, 4 de mayo de 2010

Cinzas revolucionarias*


Eu tiña claro que un corpo morto era un bo candidato para rir del. Aínda que só fose por liberar de forma tan involuntaria como inevitable gases acumulados. Había na miña memoria demasiadas historias con cadáveres facendo rir. Como a da velliña que –en tempos con cadaleitos só para ricos- se escucira do escano no que a levaban cara ao cemiterio e acabara na maseira dos porcos, logo de baixar a escaleira tan lixeira como unha rapaza de sete anos. Ou a da pobre de pedir á que non deixaron descansar no velorio, porque os amigos da esmorga decidiron sentala nunha cadeira, coa roca na man, para darlles un susto aos compadres que durmían con toda tranquilidade; para darse, logo, unhas gargalladas compartidas. Ou a historia do home que acabou de pé na cova, como para esculcar se faltaba alguén ao seu enterro; fora a consecuencia de que os pés da caixa se zafaran das mans dun dos portadores encargados de largar as cordas de vagariño. Demasiadas historias de vivos a rir dos mortos, coma se os coitados estiveran condenados a non descansar.

Todo pesaba. Por iso, a da incineración fora unha decisión adoptada en firme desde moito tempo atrás; trinta anos, como pouco. O do sitio onde esparexer as cinzas quedara un pouco máis por determinar, con liberdade de escolla para o que quedase.
Sempre amigo do escaqueo, mesmo antes de aprender as correspondentes tácticas no servizo militar, eu liscara antes, sen facer caso das ameazas de María, que advertía con retirarme a palabra se facía iso. Así, no tocante á gran carracheira, todo se mantivera segundo o previsto. No referido ao reparto das cinzas si houbera, no último momento, un lixeiro cambio de plans. Xunto con María, os meus irmáns xa espallaran unhas poucas cinzas na viña das Mioquiñas, entre o zreixal do país e o carballo que nunca nos atrevéramos a cortar. Outro mangado, no regueiro da Canle. Unha manchea, no río Túa, á altura de Penacova, debaixo dun amieiro onde pescara moitos escalos de rapaz.
Aproveitando os paseos que daban de forma vocacional, os meus irmáns e María ían deixando arestas de min nos prados de Lagoas e do Carruceiro. Quixeran ir a Val de Cabritos, a tiro de pedra da serra do Marabón e da portela da Canda, pero as pernas tamén lles pesaban e decidiran deixar outra mostra do meu borrallo a carón do Castelo de Rebordelo.
Cando se preparaban para deixar outras pegadas miñas no prado do Viñal de Riba, a unha das miñas irmás déralle por dicir que aos meus pais tamén lles gustaría terme cerca e María estivera de acordo en facer unha especie de funeral para deixar a furna, cunhas derradeiras cinzas, as lambedelas, no mesmo sitio onde estaban descansando as deles, no cemiterio de San Cibrao.
No día sinalado, déranse cita medio cento de persoas, como era acostumado, porque sempre acudían veciños dos lugares próximos, segundo un costume que duraba máis que a xente. A procesión subira o Camiño Novo a bo paso, con pouca carga: a furna nunha cesta de vimbio, que levaba María coma se fose levar a merenda aos seitureiros, e un par de ramos feitos con produtos do país: fronxas de uz, polas de carballo, un mangado de afetos, unhas varetas de loureiro.
Non faltaran unhas oracións, porque alguén dera por feito que non podía haber enterro sen cura e o párroco fora avisado. Cando xa ían baixar a furna á cova, un inesperado refacho de vento levantou o testo e as cinzas esparexéronse en todas direccións. Cando os presentes foron abrindo os ollos, todo eran caras de pasmo por ver as cinzas que enfeitaban ao veciño máis próximo. O cura era aínda mozo e gastaba uns bigotes tan negros coma a pez; naquel momento, sen embargo, semellaba que se lle botaran cincuenta anos por riba dos beizos. E así, ninguén se libraba de levar con el algo de min. Case ninguén. María contiña a risa a duras penas e non sería quen de facelo se chega ter diante un espello de corpo enteiro, porque lle serviría para comprobar que ela era, entre todos os que a arrodeaban, a única libre de cinzas. Coma se o meu respecto por ela se mantivese máis alá da morte. Ou coma se eu por fin decidise, tan a destempo, abandonala.
María dicía:
-Quen podía agardar isto? Toda a vida fuxindo do mundo, encerrado nas súas historias, e agora vai e decide marchar con todos.
Baixaban a furna, que aínda tiña cor de cinzas por dentro, ata a cova, despois de recuperar o testo que, por fortuna, non mancara a ninguén. Despois de agardar ao selado da sepultura, e logo de comprobar que a xente xa estaba recuperada do susto, María engadía:
-El sempre semellaba moi tranquilo. Quen nos había dicir que dentro del habitaban unhas cinzas tan revolucionarias.

*Este texto foilles entregado ós asistentes á presentación de Hai que ir morrendo na libraría Couceiro de Santiago, como adenda posible para engordar ou darlle outro final ó libro.