A vocación etnográfica deste documental viuse logo desbordada polas lembranzas, polas miradas e as emocións dos protagonistas (en deles xa centenario). As "Vidas na fronteira" transcorren na raia que separa lugares galegos e casteláns (en Zamora) de povos portugueses de Bragança e Vinhais, e transitan sobre a daquela fráxil liña da superviciencia. Foron, son, existencias que viviron de cerca a miseria (antes e, sobre todo, despois da Guerra Civil Española) e que souberon sobrepoñerse de forma a miúdo heroica.
Entre os recordos cotiáns de rapazas e rapaces que traballaban desde que aprendían a andar, cóanse outros que nos abren os ollos, que nos fan saber do activismo político que había antes da Guerra (mesmo nesas aldeas da fronteira), das fames que chegaron despois do golpe de Franco. Sabemos dos bos maestros que tiña a República e obtemos referencia directa do asasinato de catro ou cinco maquis na serra de Porto, case podemos ver os corpos trasladados a Padornelo, amontoados no estrado dun carro.
"Vidas na fronteira" achéganos tamén as épicas camiñadas (de ata 40 km., 12 deles baixo terra, polos túneles do ferrocarril daquela en primeira construción) na procura de pan para espantar a fame, burlando as limitacións do racionamento. E historias do contrabando, que tanto podía ser forma de vida como causa de ruina ou mesmo morte.
"Vidas na fronteira" inclúe igualmente testemuños do traballo solidario (á tornaxeira ou a axudar por axudar) e dedica un recoñecemento especial ás mulleres, que cargaban coa práctica totalidade dos labores do fogar por riba de longas xeiras na herba, na seitura, nas mallas ou guiando un arado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario