Recordo un tempo en que na atención primaria galega te daban vez para o mismo día ou para o día seguinte. Semella que foi onte pero sospeito (sei) que foi durante un bipartido co que a dereitona galega ensaiou as mentiras ata fartarse, ata convertelas na súa forma de facer política. Mentira, se non goberno, e a rúa é miña (ben sabía Fraga); se goberno, privatización. E así nos vai, coa atención primaria esmorecendo (na UVI), facendo oposicións para ser como a americana, para atender a persoas que non teñen para pagar unha consulta. Na actualidade, se consigues vez é para deica oito días, e nunca co teu médico de cabeceira. Sempre hai un substituto, que te atenderá o mellor que saiba se, oito días despois, segues enfermo e con humor para ir ata o centro de saúde, que xa se converteu nun centro onde da calafrius entrar. É por iso que non penso enfermar en Santiago nunca máis, estou case decidido. Nin noutro sitio de Galicia tampouco, porque sospeito que será a mesma conta. Para as pequenas doenzas, remedios da avoa. Para o grave, as urxencias, mentres resistan, sometidas a un permanente test de estrés polos enfermos que non se resignan a agardar oito días para ver se sanan ou morren. Claro que tamén podería porme de acordo con outros afectados pola sanidade enferma. Claro que poderiamos (deberiamos) tomar as rúas, esas rúas que a dereitona deixa libres porque privatiza (quería dicir que goberna, ou son eles os que din que o fan).
viernes, 15 de septiembre de 2023
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario