domingo, 27 de enero de 2013

De visita en América con Kafka

Cen anos non son nada. Cen anos hai que Kafka escribiu a novela inacabada que primeiro coñecimos como "América", a novela que o seu amigo Max Brod publicou co título máis fácil, despois de contravir a súa orde de queimala. Parabéns para Brod por levarlle a contra nese desexo. As novelas incompletas de Kafka constitúen para min un dos cumios máis importantes da literatura universal. Comezando por "O castelo", seguindo por "O Proceso" e rematando pola primeira, "América", que ven sendo reeditada como "O desaparecido". Con todas as súas imperfeccións, sen remates pechados polo autor. Con engadidos en forma de fragmentos que o lector debe incorporar (ou non) no puzzle para completar o libro.
Casi trinta anos despois, volvo a Kafka. Teño relido A Metamorfose (A transformación) e algúns outros relatos, pero non volvera a enfrontarme ás novelas desde a descuberta primeira, da man de Mónica Nedelcu, a profesora de literatura que tamén me levou a Faulkner, outro dos meus autores preferidos.
Nunca volvera ás novelas de Kafka por ser consciente do nivel de esixencia que comportan, non por seren difíciles de ler, que non o son, senón por seren cargas de profundidade capaces de revolver as tripas. Son historias que absorben, que perturban, que obsesionan. Atmósferas opresivas que che persiguen, que non che soltan nunca máis.
O Desaparecido, lido hoxe, semella una historia escrita onte. A historia dun mozo que ten que buscar oportunidades lonxe da súa terra e da súa casa. Un mozo expulsado pola familia por non ser como agardaban que fose, vapuleado por xefes tiranos e falsos amigos que logo perden a máscara para deixar á vista o parásito que había debaixo. Onte, coma hoxe.
Kafka nunca estivo en América. Nin falta que lle fixo para deixarnos a súa guía da incertidume para mozos de calquera época, de todos os tempos.

2 comentarios:

Mar e Lúa dijo...

Kafka non relata, golpea conciencias... Como ti dis, é para lelo ós poucos, saboreándoo e reflexionando. E iso que non pasei dos relatos curtos! Pode que me aventure cunha novela este verán, con calma para disfrutala.
Saúdos!

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Saúdos. Eu sigo coas novelas, agora ando de volta co Proceso, que desde logo che recomendo para comezar, xunto coa Tansformación, se non a liches.