martes, 8 de junio de 2010

O asasino

Como libro, non me pareceu especial. Non como libro de Zweig. Non como esas novelas curtas que che deixan sen alento, prendado delas. Para o meu gusto, esta non está a altura de Carta dunha descoñecida, nin de Vintecatro horas na vida dunha muller, nin sequera de Viaxe ao pasado. Por primeira vez, sentinme un chisco enganado. Non polo autor, Stefan Zweig, que segue a ser un mestre na descrición de ambientes e sentimentos. Polo editor. Pereceume que Foi el? era un relato apreciable dentro dun libro de relatos. Sentín que non tiña entidade nin peso para constituir un libro por si mesmo. Ata que nos poucos días que me levou a lectura coincidiron dous sucesos igualmente abraiantes. Dous cativos de poucos anos acabaron mortos polos inesperados ataques de cans da propia familia. Un, nas proximidades da casa. Outro no propio piso, cando estaba nos brazos da nai. Visto así, o libro de Zweig resulta tan terrorífico como profético. O libro que non debería deixar de ler ningún pai susceptible de caer na tentación de meter na casa un can bravo -pitbull ou semellante- para ter a ilusión de estar protexendo á súa familia ou para conceder un agasallo moi pedido. Polo visto, e como pouco, resulta imprescindible prepararse e preparar ao can para esa convivencia con cativos. Foi el? Nos casos que trascenderon aos medios con poucos días de diferencia, efectiva mente, foi el. Foron eles.

2 comentarios:

Xabres da Teixeira dijo...

Xa sabes o meu "cariño" polos cans, e penso que o mellor trato que se le pode dar é tratalos como cans.
Nunca entendín a esa xente que leva cans perigosos as suas casas.
Lembrai aqueles cans que habia antes en Brumoso.Aqueles grandes que tiña a túa familia, O León, O Careto e o mellor algún mais que non recordo.
¡Corrian o lobo, e eran dociles coa xente!
Coido que nin os cans nin os rapaces tiñana culpa, toda do descerebrado que mete na casa.

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Ata aqueles tiñan o seu perigo. A Fernanda se cadra non se acorda, porque non tería máis de tres anos, pero aquel Careto estivo nin tris de meterlle a cabeza na boca, por quererlle tirar do rabo cando estaba a comer. Con todo, estou de acordo contigo. Aqueles eran bos cans, probablemente por ser tratados como cans.