Será a Galicia do futuro un lugar de España onde se fala un castelán especialmente penoso? Será ese o seu feito diferencial máis destacado? Ese sitio onde se dirá, como xa se di, “voy a junto de”; onde se espeta tan a miúdo como se fala o de “tú me dijistes”. Será esa a presenza que lle queda ó galego que mamamos como propia lingua nas beiras de León, Asturias e Zamora? O esqueleto, unha fantasma escondida baixo a pel do castelán mal falado que prima cando se pasa A Canda, O Bierzo ou Pedrafita rumbo a Fisterra?
Pese a accións de promoción que denunciaban como imposición, inmersión ou quen sabe que criminais plans de expulsión do castelán de Galicia, o castelán ten boa saúde en Galicia. Mala sintaxe, acento rariño, pero boa saúde. Non se perde, mal pecado. O galego, pola contra, vai caer máis de présa de agora en diante. Non creo que o galego dos parlamentarios e demais políticos anime a ninguén a falar galego. Non prestixian a lingua. Non son bo exemplo. Pero era a presenza da lingua galega nos medios audiovisuais, porque os escritos sempre o foron maioritariamente en castelán. Agora son cada vez máis os políticos e parlamentarios que non se senten na obriga de usar a lingua propia de Galicia. Nin no chamado Parlamento Galego. Ornamentos fóra. Viva a sinceridade. Morra o galego. Agora, a publicidade institucional comeza a facerse tamén en castelán, porque non pode haber discriminación positiva nese eido, seica. Agora, o uso do galego si que viaxa costa a abaixo e sen freos; comeza a roldar o galego como alma en pena, mesmo na administración, onde entre os mesmos funcionarios que sentían a obriga de falar galego existe agora a percepción de seren mal mirados se falan galego por norma ou por libre escolla.
Agora que nas Portelas non temos alcaldes que vexan o galego como unha vergoña que é preciso esconder, nin mestres que prohiban ós rapaces (qué rapaces?) falar galego durante os recreos. Agora pode ser o momento de convertérmonos na reserva oficial da lingua galega, o sitio onde acudan, nun futuro moi afastado (ou non tanto) os estudiosos de linguas raras, en perigo de extinción ou extintas (salvo nas reservas e nas fonotecas). Podemos ser os últimos expoñentes dunha fala mítica, como é agora o silbo canario, que aínda se aprende nas escolas de La Gomera. O silbo gomero acaba de ser declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade. Quen nos di que, no futuro imperfecto que nos agarda, os lugares do occidente asturiano, do Bierzo, das Portelas, Brumoso e Val de Marcos, non poden ser tamén declarados patrimonio inmaterial da Humanidade por conservar e falar unha fermosa lingua chea de matices que deixaron morrer (ou mataron) no territorio que lle era propio?
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
3 comentarios:
Estou de acordo en todo.
Agora mesmo pido permiso para copiar e pegar no meu blog, o teu artículo, non terá moita difusión mais alguén o leerá e espero que non caia en saco roto a túa idea.
Parabens, polo acertado, é polo calado da idea- (calado=profundidade)
Apertas
O permiso é teu. O meu, o noso, ten que ser loitar contra a autocensura, que seica é a peor das censuras. Apertas.
Hago mias mias las palabras do Xabres, que domina mejor nuestra lengua que yo.
Triste es decirlo, que este emigrante a los madriles no domine su lengua o dialecto materno.
Tambien desde Lusofonias apoyamos la campaña en pro del galego con el banner y nuestra pequeña aportación.
Sr. Loro, también pido permiso para reproducir en nuestro blog tu acertado artículo.
Mil gracias.
Parabens.
Publicar un comentario