Foi hai uns vinte anos, cando alguén buscaba a memoria de cómo se facía o rabel nesta concello asentado nas faldras de Pena Trevinca e Amador dixo que si, que lembraba, que o intentaba. Se ós 14 anos fora quen de facer uns zamancos para o seu propio uso, non había ser capaz de facer rabeis ó estilo de Porto. Era máis doado facelos dunha caixa de mantecados de Astorga, cando as caixas eran de boa madeira. De mozo, fixera un así. Pero tamén espreitara como facían rabeis de madeira de bidueiro ou zreixal, pel de ovella e sedas de rabo de cabalo outros veciños mañosos. “E se hai que facer carracas, tamén as fago”, di.
En Porto, a tradición do rabel vai asociada a do pastoreo, aos magotes que viñan de Extremadura polo cordel, a canada real, aos pastores deste lugar que emigraban todo o ano e volvían pasar o verán na serra, onde había media ducia de malladas para acoller a outros tantos magotes. Eran pastores que gañaban soldadas pequenas pero conseguían dez ovelladas e un par de eguas por tempada. Agora xa non veñen os magotes, porque os propietarios non achan pastores, explica Amador Bruña.
Amador calcula que terá feito, nos últimos vinte anos, entre 250 e 300 rabeis, case sempre por encargos que lle chegan de preto e de sitios tan distantes como Salamanca ou Valladolid.
Hai pouco, o saber facer de Amador Bruña Granja mereceu unha reportaxe dentro dun documental de Cadernos de Paso (na 2 de TVE), que dirixe Juan Miguel Blázquez. Alí apareceu facendo falar un dos seus rabeis para acompañar a unha veciña que entoaba unha copla de pastores onde se asocian sen problemas o castelán que seguramente viña de Extremadura e o galego desta terra zamorana : “De donde vienes Ana/ veño de la montaña/ de ver o meu liño/ se ten boa garaña”. Para Amador, a saída na televisión foi un momento de gozo: “Viuno toda vila. En Bilbao, en Barcelona, todos o viron”. Para Amador, Porto é a xente do lugar. Así, Porto está por toda España. En agosto, un milleiro de persoas; no inverno, cinco veces menos. Pero segue a haber un fabricante de rabeis, Amador, que vai ás feiras de A Veiga ou Viana e saudar aos amigos e amosar os seus instrumentos.
Non ten aprendices. Cre que á xente nova non lle gusta o tradicional, as cousas de antes, aínda que contemplou gratamente sorprendido como se recuperaron festas como o folión do entrudio ou festas da rapazada como a corrida do galo. O problema é que non queda rapazada: só hai un neno en idade escolar, que ten que ser escolarizado en Puebla de Sanabria. As grandes festas teñen que vir da man dos veciños de Porto que habitualmente están fóra, o Porto de Bilbao ou Barcelona ou Madrid. Os que converten Porto nunha vila dun milleiro de persoas cando acoden, por vacacións, coas súas familias. Durante os invernos, resisten uns poucos veciños que, pese ó illamento que impón a montaña, viven ben mellor do que vivían anos atrás. Resisten. Recordan. Agardan por outro verán que converta Porto nun lugar cheo de vida e mocidade. Para daquela. Amador Bruña terá feito outra ducia de rabeis e terá comprobado como falan no silencio da serra.
miércoles, 1 de octubre de 2008
Amador Bruña Granja, o último rabeleiro de Porto
Se facemos caso das cifras recollidas no último censo de poboación, os habitantes de Porto son 257. Con todo, o número de residentes permanentes, os resistentes que aturan os duros inverno neste fermoso val da montaña xabresa son bastantes menos. Entre eles está Amador Bruña Granja, de 77 anos, que foi gandeiro, encofrador nas obras dos encoros que se fixeron na comarca, amadeirador de moitas das casas renovadas no concello e carpinteiro polivalente; e que agora é o último fabricante do tradicional rabel de Porto.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
Aquí hay un novo que si gusta do tradicional. Si no noso lugar houbese quen me enseñese a facer instrumentos eu estaría gustoso de aprender pra así poder tocar "A Empreñadora".
Eu creo que non podo enseñar a facer máis alá das ruxideiras que facía Horacio. Claro que, se nos pomos, tamén seriamos capaces de facer un rabel; o de aprender a tocalo, xa cho deixaría a ti; eu creo que ó máis que chego é a topalo.
Publicar un comentario