miércoles, 29 de octubre de 2008

Toponimia de Brumoso IV: Pola beira do río e cara a Portugal

Seguimos cos topónimos de Brumoso, cunha paseata pola beira do río, desde Barxelas ó Cunqueiro, e dedicando mención especial para os nomes que me achegou o Serafín sobre as cavocas das Mendreiras, en grave risco de perderse baixo o nome xenérico. Sería imperdonable que se perdese a cavoca de Xan Bastián. Merecería unha investigación á parte, saber quen era el. A relación desta entrega remata cos engadidos do Sirgo, a Cemba e a Caldeira, que se me quedaran e sobre os que me documentou a Teresita. Para completar, debería porlle o nome os pozos: os Barbeiros, o Fervenzón, os Olmos, moitos máis. Algúns non os sei: se alguén mos apunta con mínima localización, aínda os poño outro día.


Apretadura, A.-Paso estreito que separa Campelo, na fotografía, do Couto.
Barxelas.-Entre o Fixó, Penacova e a Chaira Nova. Acolleu o primeiro campo de fútbol de Brumoso, e a quinta do Bernardino, coa fonte da Zapata e as primeiras cereixas enxertas.
Caldeira, A.-Prado cerca da Fonte Pateira que linda coa canada do Souto e cos eidos da Faquiña.
Callostras, As.-Zona de difícil acceso no camiño que vai pola beira do río fronte ao couto; están as Callostras de Vilares, desde o pozo da Ponte ata o Porto do Ornal; e as callostras de Veigadiz, que xa comezan no portor do Ornal, onda o pozo das Callostras, no que moitos rapaces do lugar aprenderon a nadar.
Campelo.-Desde a preseira do Couto ata a Apretadura; en fronte, do outro lado do río, Vilares e A Fervenza; por riba, a Serrada Garrida.
Cancelada.-Leiras, prados, a Quinta, antigo asentamento dos Templarios, contaba o Horacio; desde alí parten os carreiróns que levan ata o Cunqueiro; subindo lombeiro arriba, logo se da no Piñeiro.
Celareta.-As leiras fronte ós prados cimeiros de Penacova.
Celeirós.-De arriba e de abaixo; desde o Bedulo (prado dos Froles) ata o Prado Grande.
Cemba, A.- Unha cortiña ou dúas, entre a Faceiriña e o Espadanal, contra o Outeiro.
Chaguazais.-Prados e Leiras, no recanto que comprende desde o prado grande ata a preseira do Couto (ou o sitio onde estaba).
Chaira Nova.-Leiras entre Celeiros, Penacova, a Celareta e Barxelas; nos tiñamos alí unha leira ben ladeirosa, onde a chaira degenera, xa caendo para Barxelas.
Couto, O.-Onde máis a gusto íamos coas vacas, no mes de agosto; era festa porque había compaña, carreiras de burras, loitas de vacas e remollo para pes e canelas, tamén pesca de escalos ou troitas, para os que se daban maña co tenedor.

Cunqueiro.-O río coas súas cunhas, onde se entrega a Portugal.
Fervenza, A.-Mirando desde Campelo está Vilares e, á dereita, a Fervenza; foron viñas, creo, como Vilares, onde eu aínda fun a ver cavar e á vendima.

Fontón de Porcas.- Leiras e castiñeiros, entre os prados de Celeiros, as faldras do Lombeirón e as ladeiras do Prado Grande.
Ladeiras, As.-Son as do Prado Grande, por onde había carreiros polos que atallaban as vacas, cruzando as leiras de Fontón de Porcas desde Celeiros de Arriba.
Lameiras, As.-Leiras por riba do couto; recordoas sembradas de centeo, pero creo que tamén se daban ben as patatas.
Lombeirón, cavoca do.-O Lombeirón enlaza o poulo de Maxacais coas Latas e a Mallada, en dirección Sur, e coas Cegudas, vara o norte. A cavoca do Lombeirón nace nas Latas e remata entre as leiras de Fontón de Porcas e as Ladeiras do Prado Grande.
Mallada, A.-Leiras e prados do val veciño de Vilares, do Carruceiro de Baixo e da Ribeira.
Mendreiras, As.- Toda a zona por riba das Lameiras, que quedan por riba do couto. Son tres cavocas: a primeira é a Cavoca do Corvo, coa súa fraga, fronte ao porto do Ornal. A segunda é a Cavoca do Medio ou a Cavoca do Xico Bastián, fronte ó fondo de Veigadiz. A terceira é a cavoca da Lama do Cabo ou da Caleira, que vai dar a Veigadareda.
Mexacán da Requeixiña.-Poulo por riba do prado da Requeixiña das Bichas, por riba de onde había un colmear.
Olas da Faceira.-Río estreito e profundo, entre os carreiróns que van pola Fraga, no termo de San Cibrao, e os restos da antiga central eléctrica de Hermisende.
Penacova.-Desde a preseira de Penacova, que está onde acaba Barxelas, ata a preseira do Prado Grande, agora praia. Prados e leiras. Silvas con boas moras.
Porto do Ornal.-O pasadeiro principal para o Couto, para as vacadas que ían ó couto polo camiño da Mallada.
Prado Grande.-Desde Penacova e Celeiros de Baixo ata Chaguazais.
Requeixiña, A.-Por riba, os prados da Ribeira, polo nordeste, e os da Amiñeira, polo Noroeste;por baixo, o Porto do Ornal.

Ribeira.-Os prados por Baixo da Mallada e por Riba da Requeixiña.

Serra Garrida.-Por riba de Campelo. Había unha corte, en tempos.
Sirgo, O.-Lameiros dos que baixa boa auga pra beber, na Lama do Casal. Por baixo da Faquiña.
Veigadareda.-Punto e final do termo de San Cibrao pola parte do Couto; máis abaixo, os prados de Parada, xa son portugueses. En fronte, Cancelada.
Veigadiz.-Desde as Callostras, por baixo do Porto do Ornal, ata Cancelada.
Vilares.- Viñas e prados noutro tempo, afeitais e touzas e silvaredos; entre as Callostras de Vilares e os prados da Ribeira.

No hay comentarios: