lunes, 1 de septiembre de 2008

Emocións, gargalladas e música a mazo no "Outro día con Horacio Rodríguez"

"Outro día con Horacio Rodríguez", o encontro de amigos co que recordamos o primeiro aniversario da súa partida, resultou un acto con espazo de abondo para as emocións -inevitables- pero tamén para esas gargalladas que tanto lle gustaba buscar coas súas historias, e para a música tradicional que tanto amaba, achegada principalmente por Alberto Jambrina e Pablo Madrid, que quixeron corresponder con xenerosidade á xenerosidade da que Horacio sempre fixo gala. La Opinión de Zamora sumouse á homenaxe cun especial de catro páxinas onde colaboraron algúns amigos presentes no acto da escola e outros que non puideron asistir, como o reporteiro de TVE Juan Manuel Blázquez ou o etnógrafo José Rodríguez Cruz.

Houbo intervencións de Jambrina e Madrid, que pasaron varios días illados pola neve mentres gravaban, en 1986, pezas tocadas polo Luis, o César e o Horacio, coplas ou nanas cantadas pola Viturina ou a Pilarica, e contos contados polo propio Horacio.


Tamén falou Santiago Fernández Vecilla, un mestre que pasou tres anos no lugar e aprendeu moito de contos, adiviñas e amizade co Horacio, que non dubidou en mantelo acollido na casa cando, por mor do 23-F, os amigos de Zamora o buscaban para recomendarlle que se refuxiase en Portugal.

Cando as emocións andaban por desbordarse, Felipe Lubián foi o encargado de provocar unhas gargalladas cun conto tan longo como escarcavellante -"¡Caga, borrego!"- e, despois, atreveuse cun dueto de gaitas co alcalde de Hermisende, Ignacio González Nieto, para entonar o antergo himno do reino de Galicia. Notouse que o tempo de adestramento fora escaso, pero a vontade quedou de manifesto.

Improvisou un sentido poema o catedrático Leandro Rodríguez e unha das súas netas leu unha emotiva carta. Entre as bágoas de emoción e as gargalladas, musica de gaita e de rabel liderada por Jambrina e Madrid, que non tiveron problemas en incorporar a músicos locais que quixeron achegar o seu gran de area para converter o acto na festa que Horacio sen dúbida merecía. Por estas e outras fotos que darán fe do momento, damos grazas a Lete Ferrero, outro amigo xeneroso sumado á festa.

Se cadra, o ano que vén, os amigos xa nos atreveremos a escoitar as historias da voz do noso mellor contador. Este ano, as emocións aínda pesaban demasiado.

5 comentarios:

Lete F. dijo...

Carallo que mal feitas están esas fotos, quen sería o trapalleiro.

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Creo que o trapalleiro é o editor,un brutallán que pon os zamancos nas mans.

Nane Nane dijo...

Hai cousas que só cura o tempo...como pudeste ver eu quedei na casa...e penso que por un tempo vou seguir quedando..non por moita xente que haxa se le quere máis os que marchan, constame que igaual ca min había máis xente que quedou e non por querer menos...ainda así, as cousas feitas co corazón sempre están ben feitas.
Nane Nane

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Boteite de menos e pensei que estabas fóra por algún motivo. Se non outro acto así, creo que os amigos de Horacio temos que xuntarnos e facer fiadeiros para escoitar as súas historias. Temos que seguir escoitándoo. Eu gocei oínda as conversas que tiña eu gravadas, pero síntome comprometido a compartilas con outros amigos. Este ano non nos atrevimos e oílo en en grupo, pero temos que facelo o verán que vén (ou antes), aínda que sexa en grupo reducido.

LUCIER dijo...

Horacio tenía muchos, muchísimos amigos que no eran de aquí. Amigos que han sabido valorar su tolerancia, su hospitalidad, su ayuda desinteresada para acompañar a cualquier lugar al que se lo pidiera

Su forma de hablar, pausada y firme, hacía que sus cuentos, además de bonitos, sonaran bien. Aún suenan y sonarán.

Yo no pude estar el día 16 en la escuela. Estaba en otro lugar. Allí me acompañaban, dos máquinas de coser, un cencerro, unas botas, una plancha, periódicos, muchos periódicos que hablaban de un hombre entrañable....y, una foto, este año una foto.

Horacio, evidentemente en San Ciprián, también tienes, algunos buenos amigos.
Tu bien sabes...