martes, 31 de mayo de 2011

domingo, 22 de mayo de 2011

A esperanza, nas pacíficas revolucións das prazas públicas

Exercín o meu dereito-deber de votar con máis escepticismo do acostumado pero cunha esperanza diferente. Unha esperanza asentada non tanto no resultado das urnas como na pacífica revolución das prazas públicas, chámense Obradoiro, Porta do Sol ou 15-M.

Agardo que o movemento non esmoreza despois das eleccións, que saiba orientar a súa forza cara a canles que sirvan para rexenerar a política, para apostar por un futuro realmente sostible, que non pode pasar por repetir os mesmos erros, como todo parece apuntar.

Empeza a haber cifras de crecemento do PIB e a única preocupación parece ser o feito de que non rebrote o consumo. Nunha sociedade consumista, hai o convencemento de que se non medra o consumo non pode haber recuperación duradeira. Xa se viu que iso so funcionou para os grandes poderes económicos que nos gobernan, que nos cobran comisión ata por respirar, pasando por riba da vontade dos políticos escollidos polas urnas e pisando o pescozo dos consumidores convencidos de que o seu papel e a súa felicidade estaba e estará en consumir alegremente.

A miña esperanza política de hoxe está na pacífica revolución das prazas públicas. Agardo que o movemento 15M teña zume e forza de abondo para seguir movendo persoas capaces de facer agromar un cambio real e sostido, un cambio en favor das inmensas minorías sen traballo nin esperanza, un cambio que non permita o mantemento dun sistema tan podre que apesta.

Agardo que entre os mobilizados haxa forza e saber para cambiar, desde fóra ou desde dentro, un sistema onde os políticos só precisan que non se demostre que son culpables para manterse na súa cadeira (se se demostra, será porque os xuíces están manexados por outros políticos contrarios, así que recorrerán ás instancias superiores habidas e por haber e seguirán defendendo a súa lexitimidade para seguir desgobernando). Un sistema pervertido ata o punto de que, por suposto, non se require parecer inocente-decente, moito menos selo.

A pacífica revolución das prazas públicas debería entrar nos partidos e nos sindicatos para transformalos, para recuperar uns valores éticos cada vez máis escasos, substituídos nas listas e nos cargos públicos por imputados que sacan peito, como convencidos de que unha imputación ou unha condena é tan venerable para un político como unha cicatriz para un guerreiro.

Se os partidos están tan podres que non se deixan cambiar, agardo que a pacífica revolución das prazas públicas teña forzas para fundar outras forzas políticas libres de servidumes, capaces de manter unha revolución contra a avaricia dos poderes económicos que nos meteron nun pozo do que so poderemos saír cos sacrificios dos sacrificados, porque os que nos meteron no pozo seguen presumindo de ganancias e cobrando pluses, bonus ou pensións vitalicias, aínda que sexan tan presuntamente impresentables como ese DSK do FMI.

O meu temor de hoxe está en que a revolución das prazas públicas se volatilice sen máis. Precisamos que se manteña, que os políticos non obedezan só aos poderes económicos, que saiban que o poder dos cidadáns conscientes, cabreados e mobilizados tamén pode sacarlles a vara de mandar.

A miña esperanza de hoxe está en que a pacífica mobilización das prazas públicas se multiplique e madure tamén fóra das prazas, da man dos que aínda non descubriron que teñen moitos motivos para sentirse moi cabreados.

lunes, 9 de mayo de 2011

Nóbel de axustiza

O Nóbel da paz foi creado para distinguir á persoa que máis destacara polas súas contribucións á fraternidade entre as nacións durante o ano inmediatamente anterior. No caso do presidente Obama, cabe entender que en 2009 se quixo apostar polo futuro, que se quixo premiar o que podería facer un presidente do imperio co seu perfil demócrata para emendar as desfeitas do seu predecesor. A día de hoxe, fixo máis pola fraternidade mundial quen acuñou, entre nós, o termo da alianza de civilizacións, agora en horas tan baixas que xa só merece citas dos que o queren despedir a coiteladas. Obama, como o Bush que o precedeu, está a facer poucos amigos no mundo. Non sei se está a facer unha USA máis segura para os seus cidadáns, pero non semella que poida deixar un legado importante no que toca á fraternidade universal. Co axustizamento de Bin Laden non fará avances importantes pola paz no mundo. Tras anunciar a morte do terrorista máis buscado, atreveuse a dicir que se fixera xustiza desa maneira que tanto gusta nese imperio onde resulta difícil comprender por que non suprimen os tribunais que deben impartila, aínda que só sexa para acurtar gastos en tempos de crise económica. Gandhi, o máis grande loitador pola paz nunca conseguiu o Nóbel; cabe pensar que non estaría ben visto polo imperio británico. Conseguiuno Martín Luther King. Conseguiuno Mandela, que ben o merecía (e non compartido). E tamén o acadaron outros que ensombrecen tanto a relación como o propio Obama. A Fundación debería abrir outra listaxe. Crear un nóbel para os grandes axustizadores, onde a competencia sería moito más apertada ca no ámbito dos verdadeiro loitadores pola paz. Que Obama diga que se fixo xustiza sen vergoña, resulta comprensible, dada a súa posición como refén do seu cargo, que revalidará, se cadra grazas ao xusticeiro acto. Que refrenden o seu proceder e as súas palabras o secretario xeral da ONU ou o predicador da alianza de civilizacións, xa non resulta tan congruente. A cara de pasmo e abraio de Hillary Clinton, mentres seguía a través dun monitor –suponse- o instante do axustizamento, é a única mostra de humanidade que nos queda en toda esta historia. Mentres existan esas expresións diante de actos de xustiza-barbarie, existe unha esperanza de que a humanidade poida seguir merecendo o seu nome. Aínda que esa muller apunte a un golpe de tose provocado pola súa alerxia primaveral, nos seus ollos está a humanidade que falta nos dos seus compañeiros de foto; neses ollos de muller aínda nos podemos mirar sen tanta vergoña.

domingo, 10 de abril de 2011

Can morde a can

Hai un dito que quere definir as virtudes ou máis ben os vicios do corporativismo a partir da frase can non morde a can. Difícil saber da orixe da consella, porque poucos animais hai que mordan tanto nos da súa especie como os cans. O caso é que o refrán aplícase a políticos, á estamentos da igrexa, tamén a xornalistas. Non ataques a un dos teus, porque mañá será o que che pode defender se che atacan. A veracidade disto no mundo do xornalismo é moi relativa, por non dicir escasa ou case nula. É máis ben un territorio do individualismo, sálvese quen poida. Medios que compiten por un mesmo territorio ou audiencia acostuman comportarse a miúdo como os peores inimigos. Por moi xornalistas que sexan, medios que apostan polo sensacionalismo non teñen ningún problema en converter presuntos culpables en aparentes culpables que, de ser declarados inocentes, terán moi difícil vivir sen que os veciños lles vexan cara de criminais.

A miña admiración para as irmás de María José Arcos, que desapareceu hai quince anos. Un monumento merece o seu tesón por evitar que o caso caese no esquecemento. As miñas dúbidas, para o tratamento dos medios sobre a detención do único sospeitoso, o cámara que tiña unha relación coa desaparecida e que seica incorreu en graves contradicións nas súas declaracións. Dúbidas que vexo compartidas por algúns medios, os menos, que manteñen o criterio de publicar as siglas do nome e apelidos no canto do nome completo.

Quince anos despois, e á marxe do desenlace que finalmente teña, o caso aberto pola desaparición de María José merecerá lembrarse como un claro exemplo das debilidades do sistema policial e xudicial, se non como unpalpable fracaso.

No caso de ser xulgado e declarado inocente, logo das portadas que ten ocupado e dos titulares que lle teñen dedicado os medios máis sensacionalistas e as televisións, moito me temo que R.V. nunca conseguirá deixar de ser visto como un aparente culpable. Será un trunfo da liberdade de expresión?

En realidade, o que me pedía o corpo era opinar sobre o opinador –can morde a can, outra vez- que estes días pasados foi tan comprensivo co mozo que matou á súa noiva embarazada porque lle dixo que o deixaba e que o fillo que agardaba non era del. As miñas opinións a este respecto son máis simples, menos sementadas de dúbidas. Ou o opinador está mal da cabeza, ou é un provocador na procura de fama a calquera prezo ou considera as mulleres como cousas, propiedades dos homes que poden desfacerse delas cando non se comportan como eles queren. As opcións non me parecen excluíntes. Para non contribuír nin cunha pinga a que creza a fama de S.S., non quero poñer unha palabra de máis sobre as súas opinións arredor dos “chicos normales” que matan a quen máis querían.

Expresar as miñas dúbidas sobre o caso do cámara detido –de socato, ao outro lado do obxectivo- resúltame incómodo, porque se alguén merece especial solidariedade é a familia da vítima. Pero non expresar as miñas dúbidas sobre o papel dos medios de comunicación neste caso parecíame unha covardía.

anosaterra.org

sábado, 9 de abril de 2011

As pitas van pola sexta polada

As miñas, as nosas pitas van pola sexta polada.

domingo, 3 de abril de 2011

Unha historia de amor desde a normalidade

Por sorte, xa só algunha ex ministra algo parva se atreve a tratalos de tontitos, querendo ser cariñosa, supoño. Por sorte, a discapacidade psiquica tamén está a entrar dentro da normalidade, desde que algún mozo demostrou que podía acceder á universidade e titularse, desde que moitos demostran no día a día que son responsables e capaces de desenvolver un traballo como calquera persoa sin -supostamente- discapacidade. O pasado día 30 de marzo, a última páxina de El Progreso recollía unha fermosa entrevista contada sobre a historia de amor entre Mónica López e David López, dous mozos que traballan como xadiñeira e carpinteiro nun centro de Aspnais en Lugo e que contan que lles gustaría vivir xuntos, entre outras cousas. Ter fillos non, "porque se está mellor sen eles". Tal vez por sentido de responsabilidade, fronte á crise de todos os días. Que sexan noticia os amores entre dous discapacitados podería verse como síntoma de non normalidade, pero creo que non é así, porque saen nunha sección -Historias de dos- que pasa revista á vida en común de parellas luguesas, sexan de autónomos, de comerciantes ou de persoas que levan tempo xuntos e contan algo sobre a súa vida e os sentimentos que os manteñen unidos. Neste contexto, a historia de Mónica e David e unha mostra de gozosa de amor desde a normalidade. Parabéns para eles e parabéns para a autora da entrevista, Sabela Corbelle, pola súa sensibilidade.