domingo, 22 de mayo de 2011

A esperanza, nas pacíficas revolucións das prazas públicas

Exercín o meu dereito-deber de votar con máis escepticismo do acostumado pero cunha esperanza diferente. Unha esperanza asentada non tanto no resultado das urnas como na pacífica revolución das prazas públicas, chámense Obradoiro, Porta do Sol ou 15-M.

Agardo que o movemento non esmoreza despois das eleccións, que saiba orientar a súa forza cara a canles que sirvan para rexenerar a política, para apostar por un futuro realmente sostible, que non pode pasar por repetir os mesmos erros, como todo parece apuntar.

Empeza a haber cifras de crecemento do PIB e a única preocupación parece ser o feito de que non rebrote o consumo. Nunha sociedade consumista, hai o convencemento de que se non medra o consumo non pode haber recuperación duradeira. Xa se viu que iso so funcionou para os grandes poderes económicos que nos gobernan, que nos cobran comisión ata por respirar, pasando por riba da vontade dos políticos escollidos polas urnas e pisando o pescozo dos consumidores convencidos de que o seu papel e a súa felicidade estaba e estará en consumir alegremente.

A miña esperanza política de hoxe está na pacífica revolución das prazas públicas. Agardo que o movemento 15M teña zume e forza de abondo para seguir movendo persoas capaces de facer agromar un cambio real e sostido, un cambio en favor das inmensas minorías sen traballo nin esperanza, un cambio que non permita o mantemento dun sistema tan podre que apesta.

Agardo que entre os mobilizados haxa forza e saber para cambiar, desde fóra ou desde dentro, un sistema onde os políticos só precisan que non se demostre que son culpables para manterse na súa cadeira (se se demostra, será porque os xuíces están manexados por outros políticos contrarios, así que recorrerán ás instancias superiores habidas e por haber e seguirán defendendo a súa lexitimidade para seguir desgobernando). Un sistema pervertido ata o punto de que, por suposto, non se require parecer inocente-decente, moito menos selo.

A pacífica revolución das prazas públicas debería entrar nos partidos e nos sindicatos para transformalos, para recuperar uns valores éticos cada vez máis escasos, substituídos nas listas e nos cargos públicos por imputados que sacan peito, como convencidos de que unha imputación ou unha condena é tan venerable para un político como unha cicatriz para un guerreiro.

Se os partidos están tan podres que non se deixan cambiar, agardo que a pacífica revolución das prazas públicas teña forzas para fundar outras forzas políticas libres de servidumes, capaces de manter unha revolución contra a avaricia dos poderes económicos que nos meteron nun pozo do que so poderemos saír cos sacrificios dos sacrificados, porque os que nos meteron no pozo seguen presumindo de ganancias e cobrando pluses, bonus ou pensións vitalicias, aínda que sexan tan presuntamente impresentables como ese DSK do FMI.

O meu temor de hoxe está en que a revolución das prazas públicas se volatilice sen máis. Precisamos que se manteña, que os políticos non obedezan só aos poderes económicos, que saiban que o poder dos cidadáns conscientes, cabreados e mobilizados tamén pode sacarlles a vara de mandar.

A miña esperanza de hoxe está en que a pacífica mobilización das prazas públicas se multiplique e madure tamén fóra das prazas, da man dos que aínda non descubriron que teñen moitos motivos para sentirse moi cabreados.

2 comentarios:

Xabres da Teixeira dijo...

Amigo Loro, carne de consumo somos e ¿carne de consumo seremos?.
Este movemento, no que eu tamén confío, e na medida das miñas forzas tamén colaboro, espero que continue e non sexa manipulado por ninguén e sobre todo por ningún partido político.
Xa son algo maior. Ilusioneime con aquel vinteoito de maio de mil novecentos sesenta e oito, movemento que ó fin defraudome, e os seus famosos ideólogos despous fixéronse ricos e miréronse a ombigueira en demasía.
Espero que eso non volva a suceder, unha nova decepción acabaria definitivamente coa miña confianza nas persoas.
Provablemente é por todo o anterior que desexo e traballo para que o movemento fructifique, e desde o punto de vista egoista tamén, pois se os xoves non poden traballar, os vellos teremolo fodido coas nosas pensions.
Noutra orde de cousas, a ver se entre todos somos quen de desmotar ese castelo de naipes que é o mundo financieiro que solo moven catro. ¡Pero carallo, como o moven!
Fixate se o fan ben, e nadie se alporiza : Hoxe sai na prensa que o abusador ese que non quero adjetivar por si alguén lee esto e me quere sacar os figados, sai, decia, que o Fondo Monetario o indemnizará con uns cantos centos de miles de euros, é que le vai quedar unha pensión tamén de outros centos de miles.
Se lemos a xente que hai no mundo baixo o chamado umbral de pobreza, veríamos cuantos se poderian manter.
En definitiva, estou de estes fillos da súa nai hasta os mismísimos.
¡HAI QUE ENSINALOS A FACER BOUZAS, ALÍ NO CASTELO DE RECHOUSO, A PICO E SACHO, SEN AXUDA DE NINGÚN TIPO, E SO CON PAN E AUGA!

P.S. Olvidábame de decir que tampouco deben facerle caso ós ideólogos. Xa me atopei con varios decindo que eso é o que le falta. ¡Equivoquémonos soliños!
Unha aperta.

Xabres da Teixeira dijo...

¡TOC, TOC, TOC! Hai algué ahí.