Adoro as novelas curtas, os relatos largos, as historias que poden lerse dunha tirada, nun par de horas, pero que deixan fonda pegada, profundo recordo. Podería facer unha relación moi ampla na que non poderían faltar La perla, La mortaja, El coronel no tiene quien les escriba, Pedro Páramo, Las ratas, El viejo y el mar, Carta de una desconocida, Lo que queda de nosotros, La metamorfosis, Orso, A esmorga, El extranjero, Ronda del Guinardó, La herencia de Eszter, Dr. Jeckill y Mr. Hyde, Veinticuatro horas en la vida de una mujer, Reflejos en un ojo dorado, Mientras agonizo, Réquiem por un campesino español, El corazón de las tinieblas, Aura, Bartleby el escribiente ou La leyenda del santo bebedor, entre outros moitos. Unha listaxe á que desde agora quero sumar un relato largo, unha novela curta de James Joyce: Los muertos.
Como relato do libro Dublineses ou como protagonista dun libriño propio en Alianza cien, Los muertos é unha obra mestra, unha aparente crónica de festa de sociedade inocua que acaba por revelar unha carga de profundidade, un recordo do pasado, apenas encadeado cun fío de lembranza en forma de peza musical, que se volverá a facer presente para transformar, abofé, o presente e o futuro do protagonista. Unha demostración de como os mortos hai moitos anos seguen vivindo en nós e aínda teñen capacidade para transtornar o noso presente e para modificar o noso futuro.
Para os preguizosos que prefiran pasar a hora e pouco que leva a lectura mirando para unha pantalla poden ver o testamento de John Huston, a súa película Los muertos que, sospeito, non sería distinta se fose dirixida por Joyce. Se algunha vez resulta difícil decir que é mellor, esta é. Excelente nouvelle, excelente película.
lunes, 22 de julio de 2013
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario