sábado, 20 de abril de 2013

A miseria veu visitarnos e pensa quedar moito tempo


Tentación.
Arrepentimento preventivo.
Tentación de viaxar a países que son paraísos exóticos, onde, en proporción, e aloxamento e a vida son baratos. Cuba, República Dominicana, por poñer algún exemplo.
Viaxar a paraísos exclusivos, complexos para turistas, burbullas á medida? Ou viaxar para entrar en contacto coa poboación, coas necesidades que pasan, coas privacións. Para comprobar o que estarían dispostos a dar por unha merda de chicle ou por outras merdas que forman parte das nosas rutinas.
Arrepentimento preventivo.
Nunca vos pasou?
A nós, sí.
O peor da crise é que as miserias, as privacións dos paraísos exóticos viaxaron canda nós, que nos fan sentir mal dentro da nosa burbulla cotián. Non é preciso ver as restras de xente na cociña económica ou nos bancos de alimentos. A pouco que un mire o que merca a xente coa que coincide na caixa do supermercado, un logo comproba a saída das patacas, do pan máis barato, das marcas brancas e de alimentos económicos con trazas de seren pouco saudables.
Diante diso, se un aínda merca unhas cervezas (para non pagar tres ou catro veces máis pola caña no bar da esquina, que vai ter que pechar); se colles unha botella de viño de crianza, nada do outro mundo, pouco máis de tres euros, para unha comida algo distinguida; se colles unha libra de chocolate negro para procurar que os síntomas da depresión económica contaxien o teu estado de ánimo...
Abofé que corres o risco de acabar con complexo de culpa, deprimido, con ganas de comprar menos ou de preguntarlle á caixeira cando hai menos xente, para facer unha compra semi clandestina, para non lle dar envexa a ninguén, para non sentir culpa por estar menos mal.
Xa non te vas librar de ver miseria por non viaxar a países afastados onde sabes que existe. As privacións viñeron e están arredor de nós. Podes escoller entre pagar algo máis nas tendas exclusivas onde van os que aínda viven na ilusión de que a crise non lles afecta (e se cadra teñen razón), ou buscar as horas onde hai menos concorrencia no súper, ou usar as gafas de sol en interiores, para ver menos e para procurar que se vexa menos a túa vergonza por non seres –aínda– un miserable.

4 comentarios:

Xabres da Teixeira dijo...


Amigo Loro, Vou tentar axudarte a espantar os espantallos da culpabilidade.
Eu, dende fai un certo tempo, xa non me sinto culpable.
Fixen o que pude, mellor ou peor, pero fixenho. Coticei coma un verdadeiro "capullo", sempre pensando que aqueles anos xa pasaran.
¡Equivoqueime de medio a medio!. Non contei con que habia "endeviduos" por medio, e de má calaña.
Vi xente pasando fame, podo decir que polo barrio algunha habia. Desde o leite americano hasta agora non variou nadiña. ¡Quen ten que arranxar o asunto son os que libremente se dedican a politica!, eu non teño por qué sentirme responsable nada mais que dos meus actos.
¡Solo me cabrea,e moito, se é verdai que hai nenos neste pais pasando fame! ¡Xuro polo mais sagrado, que, entenderia perfectamente ós pais deses nenos, si se tiran a rua con estadullos!.
¡O mellor lieino mais.!

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Difícil lialo máis do que está.Cada un ten que convivir con ou espantar os seus fantasmas. Non me tenta imaxinarme no sitio dos que teñen moito pero non podo evitar porme, por momentos, no sitio dos que non teñen nada. As gafas de sol só as poño pra conducir, ese pode ser o meu problema.

paideleo dijo...

Estamos nuns tempos tan revoltos que vemos onde non hai.
Ninguén está libre de acabar na miseria pero eu non creo que sexa eu o culpable da miseria allea.

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Culpables non seremos, pero moito me temo que somos cómplices de moitas cousas, sen pararnos a reflexionar sobre elo. Ata que punto non somos cómplices dos modernos negreiros, das multinacionais textis que nos ofrecen vestiduras a bo prezo (para nós) a cambio de explotar en Asia ou África con salarios de miseria e condicions de traballo propias de tempos de escravitude? Sei que non podemos pagarnos roupa cara. Sei que de andarmos espidos (no verán sería factible) acabríamos no calabozo. Sei que nunca deixarei de sentirme culpable por algo. Vai comigo, no meu paquete. Será culpa de lecturas "insalubres", Kafka e cías.
Saúdos e grazas pola visita.Como poderás imaxinar, no trato de culpar a ninguén. So intento desafogar. Ás veces fágoo correndo un pouco. Outras veces, escribindo.
Saúde.