Onde está hoxe o Valedor do pobo galego? Nos momentos en que máis falta faría o seu labor de arbitraxe e o seu apoio fronte ás arbitrariedades que ve cometer baixo a acaída coartada dos necesarios recortes, que carallo pinta o Valedor do pobo como ariete dun Goberno recortador falando de leis mortas e avogando póla súa suspensión? Semella superar as súas encomendas e supera amplamente o que se lle supón cerne da súa razón de ser: a defensa dos dereitos dos cidadáns, sobre todo as dos cidadáns menos favorecidos. E que cidadáns hai menos favorecidos que os dependentes?
Que diría o primeiro Valedor do Pobo galego se puidese oír a este seu sucesor? Difícil sabelo. Era tan cumpridor do mandato que tiña como considerado e respectuoso con todo o mundo que non me atrevo a querer adiviñalo. O meu territorio é a dúbida. Non estou seguro de case nada. Pero creo que un Valedor como José Cora é absolutamente necesario en Galicia. E estou seguro de que o actual Valedor do pobo galego non merece ocupar ese importante labor porque aposta por deixar desvalidos aos que máis apoio precisan. Se unha lei como a da dependencia naceu morta, a función de todos, de calquera Valedor que desexe merecer o nome debería ser pórlles as pilas aos gobernantes para que a doten, para que a boten a andar.
Semella que o Valedor, á vista de que os recortes o queren deixar sen os seus tres vicevaledores, deu en pensar en que a supervivencia da súa cadeira dependería de que servise ao Goberno e non aos cidadáns. Semella apostar por unha consellería e por deixar vacante a institución. Non se lle percibe a empatía necesaria para ocupar a alta representación que ocupa. Se todos os recortes que está a ver son xustos e necesarios e imprescindibles, pouco ou nada lle queda por facer. Dado que xa que dimitíu das súas funcións e das súas obrigas, que siga o paso dunha das súas vicevaledoras, que xa dimitiu á vista das declaracións do seu xefe. Sería un recomendable aceno de dignidade.
3 comentarios:
¡Xa ves, amigo.Aquelo de Castelao eiquí ten vixencia: Mexa por nos....!
Vexo, Xabrés, que no canto de ter un benefactor vixiando polos dereitos cidadáns tiñamos -vestido con pel de cordeiro- un aliado dos salteadores de camiños. Robin Hood non deixou herdeiros.
O Valedor dimitiu hoxe; non porque eu o pedise, estou seguro. Un xesto digno de recoñecemento, sobre todo polo inusual.
Publicar un comentario