Que apelen á nosa memoria para dar fé de algo pode ser porque teñamos memoria de elefante ou porque sumemos máis anos cá maioría. No meu caso, o motivo é o segundo. Aínda que a miña memoria é bastante parecida a unha cesta sen cu, voulle pór algo de vontade para contar a miña visión do Reinado.
Con respecto á tradición dos touros, teño bastantes dúbidas, por non ser máis categórico. Con respecto á do Reinado, segundo a vivín, diría que era unha desas tradicións que estaría ben conservar porque teñen moito máis de positivo que de cuestionable (esaxerando, con maldade, poderíase dicir que era unha canteira de futuros borrachos). Para min era unha tradición que, máis que dispor de moitas virtudes, alimentaba comportamentos positivos relacionados con cuestións tan importantes como a amizade e a camaradería, a diversión, sí, pero tamén o respecto ós maiores; tiña eses e máis efectos positivos que, ademais, eran duradeiros, comezaban semanas antes do día de Reis e non se esvaecían en todo o ano. Se houbese que facer unha interpretación por capítulos, poderiamos tentar facela así:
Iniciación e renovación. Facendo mozos e adultos. O Reinado era a primeira toma de contacto dos rapaces coa mocidade. Se cadra, a semana anterior os mozos escorrizaran os rapaces ás galladas para metelos na casa ó escurecer, pero durante o Reinado compartirían a alegría e a festa con eles. Os rapaces podían participar na rolda-cabalgada da mañá do día de Reis, facendo de paxes que suxeitaban o ramal das burras do rei Novo e do Rei Vello, collendo algún caramelo que caía ó chan ou que se puña tiro. Os nenos soñaban co ano que lles tocaría ser rei Novo. O rei Novo sabía que ó ano seguinte tería que ser rei Vello. Ceremonia de renovación xeneracional, onde ningún mozo pensaría aínda que, un día, sería vello. Aínda que non fixese de rei Vello.
Namoriscamentos. Toda a vida é momento para namorar. Exemplos sobran en calquera idade e clase. Pero o Reinado era un momento especial, onde os mozos e as mozas podían facer ou recibir sinais de achegamento, por exemplo a través dos ramos que elas adoitaban preparar para os mozos. Nas casas onde non había mozas, as veciñas daban chourizas, noces, galletas, algunha boitella de licor ou o que tivesen a ben, tamén cartos, ás veces. Os ramos eran puntas de gallas con moitas varas facendo roda que as mozas vestían con papeis ou teas de cores e onde logo colgaban galletas ou caramelos, principalmente. Á marxe do ramo que escollese o rei Novo, sempre habería oportunidade para que os mozos ou as mozas mostrasen as súas preferencias ou as súas querencias. Con que ramo se quedaba cada mozo podía ter un significado. Ou non.
Diversión continuada.- Supoño que eran as verdadeiras vacacións da xente nova. No verán tocaba traballar coma mulas, incluso nos festivos. En cambio, durante os oito-quince días (ou máis) do Reinado os mozos eran os que gobernaban as súas vidas sen imposicións dos maiores. A cousa comezaba días antes, cos preparativos: apalabrar a casa para facer as comidas e ceas en común, con lareira en bo uso e, a ser posible, con mesas e escanos; comprar o rexelo (na miña época non había mocidade nin cartos para comer unha vitela); sacar un tractor de torgos e subhastalo para pagar, co que dese o veciño máis xeneroso, polo menos unha parte dos gastos; o resto, a escote. A festa comezaba unha semana antes do día, pero tiña o seu punto máis emotivo na ronda para cantar os reis, na tarde-noite do día 5 (tal que hoxe), e duraba unha semana máis, polo menos. En resumo: polo menos quince días de vacacións. Para os homes. Porque se hai que facer mínima autocrítica, habería que dicir que non adoitaba haber máis mulleres que as que se brindaban para facer de cociñeiras, que non acostumaban ser as mozas. O único compartido entre sexos era o baile que se facía polas tardes. Se non recordo mal, despois das ceas a xente adoitaba andar demasiado cargada para danzas.
Padriños, madriñas e afillados.- Respecto e deferencia para os maiores. O Reinado era unha etapa de especial importancia para afianzar a de por si estreita relación que acostumabamos ter cos padriños e madriñas. O afianzamento estaba tamén nas chourizas especiais que as madriñas preparaban para os afillados, pero tiña a súa manifestación pública máis emotiva durante a ronda polo lugar adiante, a noite do día 5, cantando os reis de curral en curral, de porta en porta:
De oriente salen tres reyes/ Todos tres en compañía/ No preguntan por posada/ Ni tampoco por comida/ Preguntan por los portales/ Donde el Rey nacido había / De quien es aquel sombrero que reluce en la cocina/ es del señor … / Que por muchos años viva/ De quien es aquel pañuelo/ Que relumbra en la cocina/ Es de la señora … / Que por muchos años viva / ¡¡¡Vivaaaaa!!!
A xente saía ás portas a escoitar a cantarena e os arrulos conseguintes, a convidar a un trago ós cantadores, e sempre había un momento especial en moitas portas, en case todas, entre padriños, madriñas e afillados. Non era raro ver caras emocionadas y alguna bágoa nos ollos. Estreitábanse os lazos de solidaridade entre mozos e adultos ou vellos.
Camaradería, unidade, amizade.- Era tempo de reforzar a camaradería e a amizade entre todos os mozos, que podían ter as súas diferencias durante o ano, que as tiñan a miúdo, pero que acostumaban quedar tapadas pola ola de compañeirismo, de traballar e gozar xuntos desas vacacións fóra da casa. Creo que o Reinado reforzaba os lazos máis alá da mocidade, que a tradición liberaba unha corrente de solidariedade que convertía o lugar enteiro, a través dos traballos e das borgas dos mozos, nunha única entidade de carácter familiar, nunha grande e única familia unida. So había algo semellante durante as mallas, pero con diferencias a favor do Reinado: nas mallas había traballo á esgalla e borralleira (en vez de comida, rascabarriga e borracheira), e non deixaba de haber protestas ( con razón) por ter que devolver a xeira coma se todas as mallas fosen iguais, cando uns tiñan dous carros de pan e outros, que sei eu, trinta ou corenta.
E iso é todo.- Case todo o que hai na cesta sen cu. Máis ou menos. Se penso un pouco, sacaría máis interpretacións para as impresións que deixou en min a festa do Reinado, na que fun rei Vello sen ser antes (nin despois) rei Novo. Á vista de que non pensaba vestir garabata na vida, decidiron deixarme saltar un paso da tradición, supoño. Pero é que as tradicións sempre hai que adaptalas á medida dos tempos (e dos gustos).
5 comentarios:
Grazas Xavier. Un punto de vista moi fermoso ou cando menos eu podía imaxinar que os tiros ían por aí, sen coñecer en absoluto esta festa louxeira. Encántame o artigo.
Yo, creo que sólo vi uno de los reinados, y no llegaba ni a moziña; pero sí recuerdo el ramo que preparó mi hermana y el canto de los mozos a la puerta de casa... Son cosas que no se olvidan nunca!!! Gracias, Javier, por traerlo a la memoria otra vez.
La verdad es que eran unas fiestas que siempre recordaré con especial agarimo.
Un bon estudio entnográfico-antropológico. Olvideste de unha cousa: Os reis magos, daquela coido que non tiñan para a gasofa.
Apertas.
E nos tampouco. Por eso pediamos polas portas. Sempre caían uns grolos de augardente, que axudaba a entonar mellor.
Publicar un comentario