lunes, 9 de mayo de 2011

Nóbel de axustiza

O Nóbel da paz foi creado para distinguir á persoa que máis destacara polas súas contribucións á fraternidade entre as nacións durante o ano inmediatamente anterior. No caso do presidente Obama, cabe entender que en 2009 se quixo apostar polo futuro, que se quixo premiar o que podería facer un presidente do imperio co seu perfil demócrata para emendar as desfeitas do seu predecesor. A día de hoxe, fixo máis pola fraternidade mundial quen acuñou, entre nós, o termo da alianza de civilizacións, agora en horas tan baixas que xa só merece citas dos que o queren despedir a coiteladas. Obama, como o Bush que o precedeu, está a facer poucos amigos no mundo. Non sei se está a facer unha USA máis segura para os seus cidadáns, pero non semella que poida deixar un legado importante no que toca á fraternidade universal. Co axustizamento de Bin Laden non fará avances importantes pola paz no mundo. Tras anunciar a morte do terrorista máis buscado, atreveuse a dicir que se fixera xustiza desa maneira que tanto gusta nese imperio onde resulta difícil comprender por que non suprimen os tribunais que deben impartila, aínda que só sexa para acurtar gastos en tempos de crise económica. Gandhi, o máis grande loitador pola paz nunca conseguiu o Nóbel; cabe pensar que non estaría ben visto polo imperio británico. Conseguiuno Martín Luther King. Conseguiuno Mandela, que ben o merecía (e non compartido). E tamén o acadaron outros que ensombrecen tanto a relación como o propio Obama. A Fundación debería abrir outra listaxe. Crear un nóbel para os grandes axustizadores, onde a competencia sería moito más apertada ca no ámbito dos verdadeiro loitadores pola paz. Que Obama diga que se fixo xustiza sen vergoña, resulta comprensible, dada a súa posición como refén do seu cargo, que revalidará, se cadra grazas ao xusticeiro acto. Que refrenden o seu proceder e as súas palabras o secretario xeral da ONU ou o predicador da alianza de civilizacións, xa non resulta tan congruente. A cara de pasmo e abraio de Hillary Clinton, mentres seguía a través dun monitor –suponse- o instante do axustizamento, é a única mostra de humanidade que nos queda en toda esta historia. Mentres existan esas expresións diante de actos de xustiza-barbarie, existe unha esperanza de que a humanidade poida seguir merecendo o seu nome. Aínda que esa muller apunte a un golpe de tose provocado pola súa alerxia primaveral, nos seus ollos está a humanidade que falta nos dos seus compañeiros de foto; neses ollos de muller aínda nos podemos mirar sen tanta vergoña.

3 comentarios:

Xabres da Teixeira dijo...

¡Os usaboys, son como son.Definense ben nas pelis de Jhon Waine, o da asociación do rifle, algún presi dalí, e algún daiquí.
Os que coido que tiveron o dedo rápido foron os europeos, que dan esas cousas.
Noutro orden de cousas; hai que ir a sementar calabacíns, ¿nonsí?

Xabres da Teixeira dijo...

Onte puxen un comentário por aiquí, non saiu, coido que os do tio Sam boicoteeron-no.Dame pereza repetilo. ÇQue quede constancia que tanta culpa ten o premio Nobel coma quenllelo deu. Todos o carallo.

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Agardar para dar premios a que a xente que os merece morra, está mal; darllos a alguén antes de que os mereza, creo que está peor, porque o máis probable é que xa non os mereza nunca. Digo eu.