Hai un dito que quere definir as virtudes ou máis ben os vicios do corporativismo a partir da frase can non morde a can. Difícil saber da orixe da consella, porque poucos animais hai que mordan tanto nos da súa especie como os cans. O caso é que o refrán aplícase a políticos, á estamentos da igrexa, tamén a xornalistas. Non ataques a un dos teus, porque mañá será o que che pode defender se che atacan. A veracidade disto no mundo do xornalismo é moi relativa, por non dicir escasa ou case nula. É máis ben un territorio do individualismo, sálvese quen poida. Medios que compiten por un mesmo territorio ou audiencia acostuman comportarse a miúdo como os peores inimigos. Por moi xornalistas que sexan, medios que apostan polo sensacionalismo non teñen ningún problema en converter presuntos culpables en aparentes culpables que, de ser declarados inocentes, terán moi difícil vivir sen que os veciños lles vexan cara de criminais.
A miña admiración para as irmás de María José Arcos, que desapareceu hai quince anos. Un monumento merece o seu tesón por evitar que o caso caese no esquecemento. As miñas dúbidas, para o tratamento dos medios sobre a detención do único sospeitoso, o cámara que tiña unha relación coa desaparecida e que seica incorreu en graves contradicións nas súas declaracións. Dúbidas que vexo compartidas por algúns medios, os menos, que manteñen o criterio de publicar as siglas do nome e apelidos no canto do nome completo.
Quince anos despois, e á marxe do desenlace que finalmente teña, o caso aberto pola desaparición de María José merecerá lembrarse como un claro exemplo das debilidades do sistema policial e xudicial, se non como unpalpable fracaso.
No caso de ser xulgado e declarado inocente, logo das portadas que ten ocupado e dos titulares que lle teñen dedicado os medios máis sensacionalistas e as televisións, moito me temo que R.V. nunca conseguirá deixar de ser visto como un aparente culpable. Será un trunfo da liberdade de expresión?
En realidade, o que me pedía o corpo era opinar sobre o opinador –can morde a can, outra vez- que estes días pasados foi tan comprensivo co mozo que matou á súa noiva embarazada porque lle dixo que o deixaba e que o fillo que agardaba non era del. As miñas opinións a este respecto son máis simples, menos sementadas de dúbidas. Ou o opinador está mal da cabeza, ou é un provocador na procura de fama a calquera prezo ou considera as mulleres como cousas, propiedades dos homes que poden desfacerse delas cando non se comportan como eles queren. As opcións non me parecen excluíntes. Para non contribuír nin cunha pinga a que creza a fama de S.S., non quero poñer unha palabra de máis sobre as súas opinións arredor dos “chicos normales” que matan a quen máis querían.
Expresar as miñas dúbidas sobre o caso do cámara detido –de socato, ao outro lado do obxectivo- resúltame incómodo, porque se alguén merece especial solidariedade é a familia da vítima. Pero non expresar as miñas dúbidas sobre o papel dos medios de comunicación neste caso parecíame unha covardía.
2 comentarios:
Cocerto con voçe. Prefiro non opinar,porque nestes casos o sangue agolpáseme na cabeza e desbarro moito.
Unha aperta
Neste caso, por profesión, eu sentinme obrigado a opinar, de correr o risco de equivocarme. Se teño que mudar de opinión, fareino.
De momento, o tratamento nos medios non cambia gran cousa. Os doce sacos de cal da maioría contrasta cos doce quilos que son noutros casos. ¿Doce sacos ou doce quilos? En fin. Que a xustiza fale, aínda que sexa con tanto retraso.
Publicar un comentario