domingo, 27 de marzo de 2011
A terra de naide, a terra de todos: onde está o Penedo dos Tres Reinos?
Para os que vemos no patriotismo un virus perigoso alimentado polos ultras contra todo o que non sexan eles propios, para os que aspiramos a ser, en primeiro lugar, cidadáns do mundo, non sei se é boa nova que non se saiba con exactitude onde está situado o Penedo dos Tres Reinos, tamén coñecido como o Penedo Mozo. Iso é o que nos dixo hai poucos días a prensa (Faro de Vigo). Que están por determinar os lindes entre Galicia e Zamora, e que non semella tarefa doada facelo, despois de cen anos de pleitos por resolver. Seica son 1,8 os quilómetros de linde por determinar, entre os concellos da Mezquita e Hermisende, entre Cádavos e Castromil. Polo xeral, so merecen espacio nos medios as malas novas, pero coido que esta non o é. Para empezar, a xuntanza serviu para que se fale do noso cantón máis alá dos seus montes. Para seguir, se non se sabe exantamente onde está ou debe de estar situado ese Penedo, caberemos máis nese espazo máxico –por imaxinario- ao que queremos pertencer, a terra de ninguén, a terra de todos. A nova mereceu catro columnas en páxina impar: “A Mezquita e un municipio de Zamora intentan un pacto despois dun século de pleitos polas lindes”. Unha nova asociada a outra claramente mala que saca La Región: “Un tren incendiase en A Mezquita cando transportaba un só viaxeiro”. Mala polo incendio, que os sucesos sempre venden ben, e polo feito de que o tren sinistrado só levase un viaxeiro; máis contaminación na autovía. A única viaxeira puido seguir a súa viaxe en taxi. Os que agardaban nas estacións seguintes, A Gudiña e Taboadela, nun microbús. Estes trens de proximidade non mellorarán, moi me temo, se algunha vez chega o tren de alta velocidade, o alustro que nin se deixará ver polas aldeas das Portelas. A mala nova fixo que a outra, se cadra boa, non se convertese (se cadra) en mala; o alcalde da Mezquita chegou tarde ao encontro de lindes por mor do incendio do tren, na Vilavella. As casualidades da vida.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
Na vella enciclopedia galega dirixida por Don Ramón Otero Pedraio, non sei se ecrito por Vicente Risco ou por López Cuevillas, dice que desde o penedo dos Tres Reinos, o rei de Galicia, o de Portugal e o de León, escoitaban cantar os galos do pobo portugués, galego, e leonés. Podaque que seña equidistante, e como a Moimenta, Cádavos e Castromil fan un triangulo solo hai que atopar onde se cortan as medianas.¡Jo!
Escrito queda. Por se os señores alcaldes ou alguén máis se quere decatar. Eu cáseque prefiro seguir sen saber, pero grazas pola súa ilustración, xabrés. Claro que falta saber se daquela os galos tiñan semellante potencia de voz ou se nalgún dos reinos tiñan fama de seren mellores tenores
Publicar un comentario