Dicía George Orwell que a libertade de expresión é dicir o que a xente no quere oír. Neste caso, o que di Wikileaks é o que os gobernos non queren oír, prestixiado por grandes periódicos. Iso é o que podemos ler estes días. Tantas son as cousas que os gobernos non queren oír que nin temos tempo para lelas. Podemos comprobar que hai ministros con dúas caras e dúas bocas, que merecen premios por excelentes hipócritas. Capaces de compaxinar, por exemplo, ás promesas de xustiza á familia do cámara Couso -asasinado por empeñarse en facer ver ao mundo o que o goberno máis poderoso do mundo non quería deixar ver- coas palabras e xestos de tranquilidade para o poderoso aliado que, neste coma noutros casos, semella capaz de saír coa súa. Pasará o mesmo co maior ídolo dos amantes da libertade de expresión? Acabará Julian Assange condenado por espionaxe? Por unha acusación de violación que semella montada á medida das habilidades deses gobernos que tanto teñen que ocultar? Unha vez máis, matar ao mensaxeiro é o fundamental. Nada de autrocrítica, ningún propósito de enmenda.
Hai agora unha batalla que se desenvolve na rede. A que xa foi bautizada como a primeira guerra mundial no ciberespacio. Os defensores da libertade de expresión -e algúns piratas- contra os escuros servizos do goberno máis poderoso do mundo, que está a ser retratado en toda regla. Para que todos os seus moitos aliados saiban o respecto que lle merecen. Fernando Vallespín escribe en El País un inspirado artigo onde suplanta ao desaparecido Stieg Larson para escribirlle unha carta ao que é, neste momento, o inimigo público número un de Estados Unidos; un artigo onde non deixa de alertar sobre os perigos asociados aos novos guerreiros cibernéticos. Como lector da triloxía Milenium, gocei con Los hombres que no amaban a las mujeres e non tanto cos dous seguintes libros, porque me pareceu que pesaba demasiado o protagonismo dos hackers, con accións que non me acababan de resultar verosímiles. Á vista da que se está a liar estes días, cos hackers de Anonymous atacando os intereses das potentes empresas que non tardaron nada en decantarse polos poderes escuros e en contra da liberdade de expresión e información, creo que terei que volver a segunda e a terceira entrega de Milenium. E cruzar os dedos para que os medios de sempre poidan seguir ofrecendo esas impagabales informacións que nos enchen os días con permanentes exclusivas do pasado recente.
viernes, 10 de diciembre de 2010
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
Ós gobernos venle de lonxe, e o de Usamerica, mais. Non quera nin saber o de outros teoriacamente menos democráticos.
Mira o pais dixital de hoxe.
O País está maís interesante desde hai días, se nos da por lelo como historias de humor e non como una cinta de terror.
Publicar un comentario