domingo, 19 de diciembre de 2010

Enrique Morente deixounos o crisol e foi polas alas

Non me entrou o flamenco por tocarme vivir en Sevilla cinco anos de estudiante, que foron seis se conto o ano de non vida da puta mili. O gusto polo flamenco entroume a través do grande innovador que foi Enrique Morente, da gran revolución que trouxo con "Omega", onde tomaron unidade e coherencia o Lorca surrealista de Poeta en Nueva York, as baladas de Leonard Cohen, a guitarra de Vicente Amigo ou o rock de Lagartija Nick, entre outros moitos que deixaron un monumento de disco.
A Lorca xa lle cantara Morente antes desa. Por exemplo en Crisol, no disco "Negra, si tu supieras":
"Yo vuelvo por mis alas,
dejadme volver,
quiero morir siendo,
siendo amanecer".


A Lorca seguiulle cantando despois, porque era un dos seus poetas de cabeceira.
Creo que Enrique Morente soubo respectar como o que máis as raíces do flamenco máis clásico e soubo recoller e regalar influencias de todas partes, a todas partes. Algúns puretas quererían asasinalo, en máis dunha ocasión. Morente soubo popularizar a poesía como o mellor dos cantautores e tamén soubo pornos coiro de pita coa súa paixon e coa súa voz, agora acariciadora, agora desgarrada.
Morente deixounos por sorpresa, como Carlos Cano, outro amigo de Granada recordado por Estrella Morente cando despediu ao pai con esa Habanera imposible que xa sempre nos porá os pelos coma espetos. Morente deixounos a orfandade que nos deixan esas persoas que sentimos tan próximas aínda que nunca as tratásemos directamente. Se o vise na rúa, tería que conter o impulso de darlle un abrazo porque tería diante a un amigo de hai moito tempo. Foi polas alas, houbo que deixalo volver. Quédanos a súa música, o exemplo do "home máis decente que coñecí", en palabras de Paco de Lucía.

No hay comentarios: