Esta estendida a crenza de que a información é poder e por iso existe, a nivel xeral, a idea de que hai que estar informados. Con todo, na cultura actual onde o que non é gratis preferimos piratealo ou compartilo antes que mércalo, tamén queremos a información de balde. Un bo xornal non custa máis que un café, pero preferimos tomar o café e que nos deixen o xornal para botarlle unha ollada ou velo en Internet, aínda que non estea completo. Así ocorre que sempre hai medios de comunicación en crise e que, cando a crise se converte en norma, nas empresas de comunicación aínda se agudiza máis. Menos empregados, información de menos calidade. Medios que pechan, menos pluralidade. Medios con menor capacidade de independencia, información máis á medida do que desexan os poderes. Menos contrapoder. Menos información libre e contrastada. Adeus cuarto poder. Se os medios son en galego, daquela hai debilidades engadidas. Pola escaseza de militantes reais. Polo desprezo dos que ven na lingua propia de Galicia algo sen valor ou de menor valor. Pola resistencia da maioría dos empresarios da comunicación, que só apostan por páxinas en galego se media subvención. Ou subvención enteira. A Nosa Terra non chegou aos quioscos a semana pasada. Segue na rede, pero somos máis pobres, sen a ventada diferente dos xoves. Concienciar sobre un problema que nos afecta máis do que pensamos é o obxectivo do manifesto Os medios en galego importan, no que se reclama máis participación dos axentes sociais na defensa e mantemento de medios de comunicación en galego. Tamén se pide máis apoio á administración e, sobre todo, aos cidadáns, "os únicos que realmente poden garantir o futuro de calquera medio". Seremos capaces de renunciar a un café para mercar un xornal, unha revista en galego? Preferiremos pór o noso gran de area para que Galicia sea un sitio onde se fale só un castelán cunha estrutura gramatical penosa?
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario