"Contado para vivir". Marga Romero. Faro de Vigo / Faro da Cultura 01/07/2010
Dentro da colección deRelatia de Edicións A Nosa Terra podemos ler estes ocorrentes, divertidos e ben contados relatos ennovelados cun título tan acertado como Hai que ir morrendo de Xavier López Rodríguez autor doutras obras como Brumoso, Cacaborro ou Amigo medo (tamén en Edicións A Nosa Terra). Este é, sen dúbida, un libro que recomendo para o verán, para afastar o tedio das tardes de calor ou para gozar dos días de chuvia, narrado con destreza que nos sitúa nun futuro en que o narrador se nos pode facer próximo se coñecemos ao autor que asina, porque o narrador- personaxe non é outro que o autor de O anano enredador, A citación ou Palabra de Aldrabón, un xornalista que traballou nun vello xornal, Diario de Galicia, e que no tempo presente da narración vive rodeado de teleparedes, conduce un flamante Castelao, é fundador do Partido Gris que propuxera que a Seguridade Social puxera a disposición das persoas maiores “un escapulario laico dotado de tele alarma e GPS” e que coma reliquia do pasado conservaba na súa cociña o gas, nun mundo no que os fogos do Apóstolo se reparten entre “o tradicional escenario do Obradoiro e o moderno da Cidade da Cultura”, lugar que precisa de ideas para encher o resto dos días do ano. No capítulo ou relato Gabriela, nome da súa neta, podemos ler: “A min nunca me ocorrera pensar que podía pasar o tempo imaxinando mortes propias pero, ben pensado, semella o máis natural do mundo”. Disto trata este libro de vivir moitas mortes e contalas, dun xeito redondo, con ese final acertado que tanto lle habería de gustar a Dieste, e que nos fai sorrir a María, a compañeira de vida do protagonista e a nós. Hai que ir morrendo é máis que un himno cantado coa música da Guantanemera, é a metáfora dunha necesidade vital, porque se cando un ten “toda a vida por vivir” o normal é “soñar amores” entre outras cousas, cando un “se vai achegando á fin da vida, a principal incógnita por resolver vén sendo a forma de morrer”. Este é o tema: “Soñar posibles mortes parece ser o destino natural para un soñador de seu”. E velaí que se pode morrer estrombado contra a poula coa aparencia de ter botado unha soneca, desaparecer para sempre no Miño quizais comido polos peixes, afogado polo fume cando se pensaba en volver fumar, enterrado entre trastes vellos, atropelado ou perdido e morto para a familia ou ter unha morte breve adormecido polo gas, morrer e regresar. Novelo, no dicir oteriano, ao redor da morte e da vida, á que se pode tamén seguir enchufado artificialmente, e non é o caso desta obra, na que dándolle a volta ao dicir de Oscar Wilde, de quen se bota man no inicio, quen morre máis dunha morte, ha de vivir tamén máis dunha vida. E hai que vivir para contalo e así de ben.
No hay comentarios:
Publicar un comentario