Durante o verán de 1981, como estudiante de xornalismo que facía prácticas en El Correo de Zamora, tiven a oportunidade de entrevistar en Valladolid a un Miguel Delibes que me deu, entre outros, un titular que hoxe segue igual de vixente e necesario: É preciso pórlle un bozo ao progreso para que non devore no presente o futuro do planeta. Delibes xa escribira “Un mundo que agoniza” e estaba daquela moi preocupado e irritado polos vertidos de residuos radioactivos que se estaban a facer na chamada foxa Atlántica, fronte a Galicia. Como é sabido, o bozo é a bolsa de cordas, arame ou coiro que cubre o fociño do can para que non trabe, o fociño da vaca ou do cabalo para que non se paren a comer cando están a traballar. Ata a súa morte, hai poucas semanas, Delibes seguiu firme na súa teima de auténtico ecoloxista e deixounos, man a man co seu fillo científico, outra chamada ás conciencias no seu libro coloquio “O planeta ferido”. Deixounos unha pregunta inquietante que non ten, polo de agora, resposta tranquilizadora: “Que mundo herdarán os nosos fillos?” Miguel Delibes non puido marchar confiado en que os seus numerosos netos herdarán unha terra habitable. Porque aínda hoxe non hai garantías de que se porá o debido couto ao quecemento do planeta, á progresiva escaseza de auga, ao deterioro da biodiversidade. Delibes foise vendo que os bozos, cando os hai, están mal colocados a mantenta, ou están vestidos menos tempo do necesario, ou teñen buratos polos que o violento Hyde que habita dentro do progreso segue a facer das súas, trabando e engulindo no presente os recursos que habían garantir o futuro.
Publicado en A Nosa Terra nº 1.400
viernes, 9 de abril de 2010
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario