miércoles, 11 de marzo de 2009
Trinta e cinco anos despous
A rede, esta rede, é como a do arañón. Un perigo. Estás enganchado. Á vista de todo o mundo. Neste caso, a miña sorpresa non foi por culpa de Brumoso, que segue a ser un lugar perdido no mapa de ningún sitio, unha ventana que me permite seguir exercendo de home invisible (ou case). Neste caso, descubríronme por outro dos sitios onde estou a través das miñas historias. A través da BVG veu dar comigo, trinta a cinco anos despois, un amigo e compañeiro da minoría de idade, cando os dous cursabamos, xunto con outros retratados para a posterioridade, terceiro de oficialía industrial pola rama de electricidade. O meu compañeiro, que era un notable saltador de pértiga, conseguiu traballar seguindo o oficio dos chispas e hoxe é un dos responsables de que a enerxía eléctrica nos acompañe e sirva. Eu seguín probando outras ocupacións para chegar a conclusión, xa hai tempo, de que nunca terei mellor oficio có que me ensinaron de rapaz os meus pais, o de mirar para a mai terra. As fotos, como a rede do arañón ou a de internet, son tamén un perigo, porque nos deixan ver o que fumos. Mozos. Os espellos, outro perigo, son os que deberían ocuparse de dicirnos, en cada momento, o que somos. Pero son aldrabóns. Por iso, para facernos unha idea cabal, temos que contrastar as fotos coa imaxe do espello, que se empeña en amosarnos unha representación de nós que está máis na nosa memoria ca na nosa realidade. Moi a miúdo, no espello vemos o que lembramos. Son os outros, os que nos rodean, os que van vendo o que somos. Sobre todo se só nos ven moi de cando en vez.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
Uiiiuuiiuuui!, canta malencolia, ou nostalxia.
Amiguiño inda eres demasiado novo para esas cousas.
Hai que pensar que co tempo somos mais noviños que antes.
Apertas.
Non che son de andar ás voltas co baúl dos recordos (non era, polo menos ata agora), pero supoño que para todo chega o momento.
Saúdos
Publicar un comentario