viernes, 28 de noviembre de 2008

"Os globos de andar" xa está en circulación

Primeiro foi unha imaxe, a dun rapaz sostido en pé por un globo: se o globo estoupa ou foxe da súa man, o rapaz cae ao chan. De aí partiu "Os globos de andar", o novo libro que xa está en circulación. Unha historia que eu vía en imaxes e que agora está en palabras pero que, agardo, debe de provocar imaxes, máis alá das de Marcos Calo, que o ilustran tan axeitadamente.

O que busco, cando escribo, é provocar emocións, positivas ou negativas, no lector. Por encima do entretemento, por riba da sorpresa ou do humor. Conmover dalgún xeito, é para min o fundamental. Neste caso tamén hai esa intención, sobre todo cando aparece o vello que esixe que lle conten tantos contos como conta, ou máis, porque desconfía que está a perder a memoria. Pero creo que prima a parte lúdica, de xogo e aventura, como creo que convén cando se busca chegar a lectores máis novos.

En "Os globos de andar" hai os pequenos problemas que rodean cada día aos máis pequenos. Os de ter ou non ter amigos, por exemplo. E hai sobre todo un misterio por resolver, o desa cativo que debería correr por libre e non é capaz de erguerse nin de andar se non ten a man un globo que o suxeite. Paseino ben escribíndoo e agardo que os lectores gocen del. Para min sempre será o libro co que superei unha especie de reválida das de antes, das temidas. O libro merecedor dun premio, o Meiga Moira na súa III edición. En lingua galega, a que falamos os de Brumoso e Val de Marcos desde que comezamos a falar, ata agora acadara un primeiro accésit do Modesto R. Figueiredo, polo relato "Fiordes", e conseguira ser finalista do Xerais por "Destrucción". Agora xa teño un premio.

"Os globos de andar", por outra banda, é o libro co que quero render especial homenaxe a Horacio Rodríguez, o mellor contador de contos da Sanabria que fala galego, co permiso do Xabrés da Teixeira, que tampouco é manco de pico. En "Os globos de andar" inclúo unha recreación dun dos contos cos que Horacio nos deixaba coa boca aberta e remelando os ollos. Un deses contos que non se perderán porque quedaron en moitas memorias e porque, ademais, xa están escritos ou recreados en moitos sitios. Vai por ti, amigo.

1 comentario:

Xabres da Teixeira dijo...

Noraboa, veciño que me deixas roubar algunha que outra mazá e tomatiño.
Sempre é unha ledicia ver que alguén que tiveste no colo, chega o corazón dos nenos e non tan nenos.
Teño de contarte un segredo:cando dormias, facialo caseuqe coma as lebres cun ollo pechado e o outro aberto.
Repito aledame moito, e ainda que no o pareza sigo a túa traxectória creadora de soños e denuncias.
Apertas.