domingo, 21 de septiembre de 2008

Vocabulario de Brumoso VIII: desde a abortada ata os zamancos, pasando pola pita cega

Non se acabaron as palabras. A medida que van aparecendo, podemos ir percibindo que son moitas máis as que quedan por rescatar. O que pasa é que un volve das vacacións con pouca gana de traballar. Tamén desanima algo estar gozando cunha palabra que cres só nosa cando comprobas que está no diccionario galego con todos os méritos. Desta, pasoume con esganifar. Pero non por ser do galego recoñecido deixa de ser tamén moi nosa. Imos seguir na procura daquelas que corren perigo de quedaren esquecidas, imos seguir gozando coas compartidas. Vai agora outra restra, principalmente das que foron saíndo na casa dos Bichos durante o pasado agosto, pero tamén outras achegadas polas fillas da tía Esperanza, por exemplo. Entre as desta entrega hai algunhas corrixidas coa axuda de persoas que saben significados con maior propiedade ca min, por exemplo o Serafín e a Xon. Quedan por publicar algunhas, poucas, achegadas por Nane e Lete, creo, antes do verán. Pero xa virían ben novas incorporacións. Para facilitar a consulta das que levamos relacionadas, publicarei toda a relación nunha mesma entrada nos próximos días. Saú2.

Abortada.- Un resto de masa que se bota na boca do forno para que coza antes cós pans e se entreteñan os rapaces que rolden onda o forno. O que para min era un confite, é unha abortada.
Adondear.-Ablandar, por exemplo unha carocha de pan.
Apenar.-Convocar a herdeiros ou veciños para un traballo comunal;vou apenar para facer a preseira do Prado Grande.
Asomizar.-Desperdiciar, deixar sen aproveitar unha parte de algo aproveitable.
Atontelado.-Case sen sentido. Moi referido aos coellos, que eran doados de atontelar. Pero tamén unha persoa quedaba medio atontelada se caia da burra ou lle caía a tranca dunha porta carral na cabeza.
Carracheira.- Que vai moita calor, sexa de lume (onde está o maior brasaredo) o de ambiente (medio día de verán en solleira)
Confite.-Pan sobado, como unha empanada con cadros marcados para mellor cortar, feito cunhas gras de sal ou cunha pouca leite. O mesmo que a abortada, tiña como obxectivo a celebración da fornada cos rapaces.
Concoma.-Algo que nos obsesiona, no que non podemos deixar de pensar, que nos quita o sono. Ten que ver coa obsesión ou, para os crentes, co cargo de conciencia.
Dóndeo.-Brando, amolecido. En galego GX existe dondo como suave ao tacto, sen durezas nin asperezas.
Empantanado.- Sitio cheo de estorbos onde é difícil moverse. Onde reina o desorde.
Enxaramelar.-Primeira fase de crecemento dun froito. A primeira semana de agosto ten que ser quente porque é cando enxaramelan as castañas. Tamén aplicable ao crecemento dos cativos.
Esbúreo.- Sen aditamento nin acompañamento. Unhas patacas esbúreas: sen nada máis que patacas.
Escadabullar.- Rebuscar, aproveitar unha colleita sen deixar nada para o rebusco.
Escarramelar.-Abrir moito os ollos, polo medo ou pola enorme sorpresa que non causa algo.
Fizcaña.-Aceno, xesto
Fora-mi-de-mal.-Oxalá, quen nos dera, estaría ben. Expresión acuñada pola familia da tía Esperanza que cabeza interpretar como un cruce de dedos para espantar o mal fario e atraer boas novas.
Gaiteiro.-Cabaliño do demo, libélula.
Galelo.-Cada unha das partes ou polas que forman unha uva; cando as uvas quedan sen criar porque ven mal tempo na floración, o que adoita haber son galelos, con media ducia de vagos. O que nós chamamos uva (ou marangolo, se é do rei e grande) en galego e acio e en castelán racimo; o que nós chamamos bago, tamén o é en galego do GX, cada un dos grans que forman o acio-uva-marangolo, unha vez desprendidos do cango
Goxo.-Veleno.
Grañeira.- A verga coa que se ataban os mollos de centeo ou trigo
Irlar.- Estar case transparente, de tan delgado; unha persoa está irlando despois dunha enfermidade que lle quitou o apetito-
Licantina.-Lida con moita palabra asociada; podese lidar en silencio; a licantina atúrana tamén os que andan ó redor.
Lida.-Lideira, teima, cisma, concoma, obsesión. En galego GX é loita ou rifa entre dúas ou máis persoas
Liorna.-Barullo grande, guirigai; boa liorna armaban os porcos cando estaban famentos e sentían que se achegaba o caldeiro coa comida.
Marangolo.-Uva grande, que hai que coller coas dúas mans, polo xeral as do Rei. Tamén pode ser marangolo un rapaz moi gordecho ou unha persoa con moito volume..
Pita cega.-Zapateiro. Onde se viu tan pouca orixinalidade do galego?; chámenlle pita cega a ese insector, deixen o outro nome para o presidente!
Rabexar.- Moverse sen parar dun sitio para outro, facendo cousas de discutible proveito. No galego do GX é mover o rabo ou dar co rabo.
Rillar.-Refírese, para nós, sobre todo a aproveitar un oso. Vai unha oración pouco piadosa que, creo, me ensinou o avó Anselmo: “Padre noso, caldo groso, xixa gorda non ten oso, rilla rapaz este oso, ríllao ti que eu non poso”
Sansoneta.-Ruxe ruxe, un sermón repititivo, que aburre; en galego GX é reprensión.
Sumicio.-Desaparición; cando algo inexplicablemente, non aparece, podemos dicir e dicimos: “Vaia sumicio”. Unha desaparición algo misteriosa. En Galicia e Asturias dirían que era cousa do Sumicio, un demo burlón , un trasgo amigo de cambiar as cousas de sitio.
Zanfonear.- Máis ou menos como rabexar, pero cun sentido de maior urxencia, se cadra. En galego GX tamén significa perder o tempo e, por suposto, tocar a zanfona.
Zamancos.- Calzado con piso de madeira reforzado con chatolas para evitar esbarar, con cuberta de coiro duro que había que adondear untando con graxa ou pingo sen sal. En galego GX son zocos mal feitos; de rapaces, nós só usabamos zamancos e, non sei o de Castrelos, pero dou por seguro que algún bon zamanqueiro habería por Brumoso.

3 comentarios:

Xabres da Teixeira dijo...

Tolanos .- Pelos con dúas puntas, que, segun o Basilio habia que le sacar os rapaces do cogote.
Acubrir.- acto de sementar algo. ej.xa acubri as patatas.
Avesedo-lugar donde entra pouco o sol.
Canear.-igualque tosquenexar, cando alguén queda dormido e vaisele a cabeza pros lados.
Cando me lembre de mais pásochas.

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Carallo, o dos tolanos si que se me estaba a esquecer. Grazas. O de acubrir tiña un sinónimo que era acubillar. Grazas por todas, que á bolsa común irán.
Estiven no val de Marcos para sacar as patacas e puiden ver que alguén che quitaba o aparcamento, pero non digo máis porque foi cousa temporal

Xabres da Teixeira dijo...

Ahí che vai, un dito da zona do Covelo:
"Xente xunta.muto esterco", no senso de que cando hai moita xente e falan mal de alguen, eso é o que crean.
Saúdos