domingo, 14 de septiembre de 2008

O conto do galo, a fouce e o muíño

Horacio Rodríguez trasmitiu os contos que lle contaron, pero tamén fabulou e transformou a tradición oral que recibiu. Como mostra, estes contos enlazados sobre os custos da incorporación do progreso á nosa terra, segundo llos contou a Santiago Fernández Vecilla; o dos muíños xa o temos publicado segundo o contaba por separado; os outros dous, tamén os contaba ás veces de xeito independiente; se estaban mellor illados ou en cadea, ten que decidilo quen os lea. Así son na versión que Santiago publicou na revista "¡Con la que está cayendo...!":

"...Era unha vez un home que, sentíndose xa vello, deixou todo o que tiña ós seus tres fillos, logo de ensinarlles o seu funcionamento e utilidade. A un deixoulle un galo, a outro unha fouce “de pica” e ó terceiro un muíño. Ó pouco tempo morre o pai e deciden percorrer mundo. Así que parten para outras terras e chegan a esta zona. O fillo do galo chega ao pobo xa anoitecido, pide pousada e é acollido nunha das casas, onde queda a durmir. Como era costume antes de deitarse, comentan as tarefas que teñen que facer ao día seguinte e deixar todo preparado. Teñen que enganchar as vacas ao carro para ir buscar o día ao alto da Cabeciña. O home, moi sorprendido do que acaba de oír, dilles que ten un animal, que cando canta, vén o día e que non necesitan ir buscar o día. Esperaron a ver que pasaba e sucedeu que a iso da media noite, o galo púxose a cantar. Levantáronse e non viron o día. Pero o amo do galo insistía en que o bicho cantaría cando viñese o día. O galo cantou outra vez e seguía sen vir o día. O home seguía insistindo que cando cantaba o galo viña o día, pero o pousadeiro estaba preocupado e temendo ser castigado polo Alcalde, que era o amo do pobo, polo posible engano. O galo cantou de novo, levantáronse todos outra vez e viron que o día xa chegaba, pois comezara a clarear. Ante tal acontecemento, reuniron a todo o pobo e contáronlle a facultade tan prodixiosa que tiña o bicho, que cando cantaba pola noite viña o día. O beneficio que lles traería sería grande, pois xa non terían, en diante, necesidade de ir todas as noites coa parella de vacas ao alto de Cabeirás a buscar o día. Debateron o asunto en Concello e acordaron compralo, pagándolle moito diñeiro para aquel tempo. O home do galo, ante o temor de que o galo fallase, decidiu irse do pobo, mirando de cando en vez para atrás por se o seguían. Falando do bicho, pensaron que o terían que alimentar. Pero ¿de que se alimentaba? Como o home acababa de irse, saíron correndo na súa busca. Divisárono xa bastante lonxe e comezaron a chamalo a grandes voces. O home, ao oír aquelas voces, crendo que nada bo podía esperar, comezou a correr e canto máis corrían os do pobo máis corría el. As xentes do pobo gritábanlle ¿De que se alimenta o bicho? Ao oír isto, contéstolles o primeiro que lle veu á cabeza. ¡De saltóns! Regresaron ao pobo e prepararon escopetas e paus, todas as armas de que dispuñan, e distribuíronse por parellas para ir cazar saltóns. Chegado o mediodía, unha das parellas non cazara ningún, xa fose porque non era a época ou por calquera outra razón. Tendo moita calor un deles, achegouse a un manancial a beber auga, cando viu que un salón se lle pousara no peito. Facendo acenos ao compañeiro, sinaláballe o saltón pousado no seu peito. O outro cargou a escopeta e sen mirar a máis, disparou sobre o saltón. Pum, e matou ao compañeiro. Era a época de comezar a sega. Como era tradición, reuníanse todos os homes en concello e xuntos encamiñábanse ao campo a segar. Utilizaban coitelos de óso e ata de pedra. Naquela ocasión, acompañábaos o fillo que herdara a fouce de pica. Era unha fouce con dentes nun dos lados, en forma de serra, que remataba nunha punta dobrada. Véndoos segar con tanto traballo e con tan pouco rendemento, sinaloulles o utensilio que levaba con el e comezou a segar. En pouco tempo segara tanto como vinte homes nun día. Quedaron asombrados ante tan prodixioso utensilio e decidiron comprarlle a fouce a un bo prezo. Unha vez que a vendeu, marchouse e os demais seguiron o seu traballo, comezando un deles a segar coa fouce. Ao primeiro intento, o home cortouse os dedos da man. Cheo de gran dor e medo, lanzou a fouce lonxe del, quedando esta co rabo para arriba, e comezou a dar grandes berros, aos que acudiron os demais. Díxolles que aquel bicho era unha fera, pois, nada máis comezar, lle cortara a man. Un gran medo colleu a todos e, rodeando a fouce, comezaron a tirarlle pedras. Ao darlle no rabo, a fouce saltaba e, canto máis lle daban, máis saltaba. Os homes dicían asombrados: “¡É un bicho fera!” Vendo que era imposible matala con pedras, ocorréuselles prenderlle lume ó redor para ver se co lume era posible acabar con aquel bicho. No momento en que o lume chegou á fouce, comezou a retorcerse. Algún deles dicía: “¡Non che enrodilles, bicho fera!” O fillo que aprendera o funcionamento do muíño chega tamén a aquela comarca e decide quedar, pois descoñecían o muíño de auga e continuaban moendo en morteiros. Constrúe un muíño e a xente leva a moer o centeo ao muíño. Logo de pasado un tempo, o muiñeiro decide irse e o pobo cómpralle o muíño. Seguiron moendo normalmente ata que xa non tiñan máis que moer e, entón, decidiron paralo. Intentárono unha e mil veces, sen conseguilo. O muíño, ao non ter gran que moer, rozaba as pedras unha contra outra botando faíscas. Pensando que aquilo estaba endemoñado, que eran cousas do demo, foron ver ao alcalde. O alcalde chama a Concello. Como se trata de algo que está endemoñado, deciden ir ver ao cura. “Non vos preocupedes. Se o muíño está endemoñado, deixádemo a min”. Así que baixaron en procesión, cos mellores ornamentos e santos do pobo. Nin un deixou de asistir. Cando chegaron ata o muíño, este, sen gran nin nada, botaba unhas faíscas do carallo: “Raca-raca, raca-raca, raca-raca”. O cura entra no muíño, comeza as súas oracións e, botando auga bendita por todas partes, mándao parar. O muíño non lle obedecía, seguía ruxindo máis forte e máis rápido pola falta de gran que moer e porque, ademais, o río levaba gran cantidade de auga: “Raca-raca, raca-raca, raca-raca, ...”. A isto, o cura responde: “Pois xa que non respectas as miñas palabras, a ver se respectas a miña coroa” Meu dito meu feito, o cura apoia a súa cabeza na pedra e, como andaba a tanta velocidade, arrincoulla de raíz, saíndo a cabeza despedida. A xente, chea de terror e espanto a causa do endemoñado muíño, comezou a correr a moreas, tropezando entre eles e caendo. Na fuxida, unha das vellas tropezou e foi a caer precisamente na canle, de tal forma que quedou encaixada nela, obstruíndo o paso da auga. A xente comezou a pararse ao comprobar que o muíño xa non facía ruído e que deixara de andar. Así que volveron sobre os seus pasos e atoparon á vella atrancada no medio da canle, sen poderse mover. Atoparan a solución; cada vez que tivesen necesidade de parar o muíño porían unha vella atrancando a canle". (A Foto é de Juan Manuel Blázquez).

2 comentarios:

Xabres da Teixeira dijo...

Estou artellando, algo serio, non sei se serei quen, con relación o Horacio. Tentarei que non o sexa demasiado. Os contos estan ben.Hay que recordalos.
Xa saquei os comentarios insultantes àra Kiko. Hiche xente para todo.
Un bico a miña amiga Alicia.

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Tratándose de H., mellor que non sexa serio de máis. Por botar unhas risas, que sempre é importante.

Saúdos, xabrés