Din que rematou razoablemente ben, o cumio sobre os obxectivos do milenio, ese invento dos países desenvolvidos para tratar de lavar as conciencias dos gobernantes e dos gobernados que non forman parte dos máis de mil millóns de persoas que viven por baixo da liña vermella da pobreza (menos dun euro por día para vivir). A ONU mesmo se amosou orgullosa dos compromisos acadados. A achega comprometida por catro dos países desenvolvidos (Francia, Xapón, Noruega e Canadá), de 2.000 millóns de euros, non cubre nin de lonxe o desfase do que os países ricos deberían ter achegado a estas alturas -15.000 millóns de euros- para procurar que se fosen cumprindo os oito obxectivos de desenvolvemento do milenio. Obxectivos sinxelos, de xustiza, entre os que cabe destacar o de acabar coa pobreza extrema e a fame, lograr a ensinanza primaria universal, promover a igualdade de xénero ou reducir a mortalidade infantil.
A ONU está orgullosa dos resultados do cumio porque di que os compromisos monetarios servirán para salvar 16 millóns de vidas ata 2015. Non se sabe cantos millóns terán que morrer, mentres tanto.
Obama, que seica ten tamén case 44 millóns de pobres no seu país de ricos, apostou unha vez máis pola obviedade de lembrar a necesidade de ensinar a pescar en vez de entregar peixes, para avanzar na independencia das persoas e dos países máis necesitados. Pero para iso tamén fan falta cartos. Ou estaría chamando á solidariedade das ONG, que viven do voluntariado?
Se non queremos sentirnos demasiado culpables, o mellor é non ler as novas deste asunto. Exemplo avestruz. Ou tamén podemos acudir a algunha das frases de Eduardo Galeano, esa conciencia crítica que debería sacar as cores a calquera goberno se os que integran os gobernos tivesen algo de vergonza. Para non sentirnos tan culpables (ou para sentirnos máis culpables) sempre podemos acollernos a frases tan cheas de ironía como as que seguen:
“Pobres, o que se di pobres, son os que comen lixo e pagan por el coma se fose comida; os que teñen o dereito de respirar merda, coma se fose aire, sen pagar nada por ela; os que non teñen máis liberdade que a liberdade de elixir entre unha e outra canle de televisión. Pobres, o que se di pobres, son os que son sempre moitos e están sempre sós”.
Os outros, ten razón, non son pobres. Os outros son persoas mortas camiñando. Tan mortos como os que camiñan polo corredor da morte camiño da cadeira eléctrica, da inxección letal ou a forma de matar que corresponda segundo o país e o goberno que mata.
domingo, 3 de octubre de 2010
lunes, 27 de septiembre de 2010
miércoles, 22 de septiembre de 2010
Ben falado! en Brumoso
Por sorte, hai quen aprecia o galego que se fala en Brumoso. Alá estiveron hai poucos días, guiados polo frieirés José Cruz, reporteiros do programa da TVG "Ben falado!", que dirixe o académico Xesús Ferro Ruibal. Polo que sei, falaron (ben, por suposto), o Serafín, a miña madriña, a Xon, e a María Caxera. Haberá que estar atentos para non perder eses minutos de gloria para a nosa terra. Agora xa non hai problema. Se non se pode ver a TVG ou se se perde a emisión en directo, abonda con buscar o espazo en televisión á carta, na web da canle galega. E a seguir falando galego, que algunha reserva haberá que manter, aínda que sexa fora de Galicia.
domingo, 19 de septiembre de 2010
Verán en Brumoso. Quinta imaxe: Morte e resurrección?
A Cidade da Cultura furtaralle á Catedral de Santiago e ao Apostol o favor dos peregrinos?
Algún día as peregrinacións a Santiago terán por destino prioritario a Cidade da Cultura deseñada por Eisenman, deixando a catedral e o apóstol Santiago relegados a asuntos de sobremesa? Algunha vez, digo, cando o máis destacado non sexan as grúas? Cando as visitas se poidan facer sobrevoando o Gaiás a baixa altura, non desde o chan, non desde ningún teleférico?Peter Eisenman semella contento de saber que este ano se inaugurarán dous edificios. Nunha entrevista publicada en El País conta algunhas cousas que sorprenden e outras que non. Os soños de grandeza de quen mandou botar a andar o proxecto, non sorprenden nada. As razóns da devoción do arquitecto polos gobernos conservadores, si, un chisco. Confesa que os prefire porque lles preocupan menos os consensos, porque están máis dispostos a correr riscos, porque non se sinten obrigados a xustificarse diante dos cidadáns. Non hai como sentirse por riba de todo e de todos. Non hai como os gobernos conservadores para que os arquitectos, os modernos deuses, poidan gozar da liberdade dos paxaros e da discrecionalidade dos reis do antiguo réxime.
jueves, 16 de septiembre de 2010
Verán en Brumoso. Terceira e cuarta: Están os ourizos cacheiros libres das carrachas?
martes, 14 de septiembre de 2010
Suscribirse a:
Entradas (Atom)





