Para defender a acción salvaxe de Israel hai quen emprega argumentos retorcidos ata onde semella imposible retorcer nada. O filósofo André Glucksmann (El País, 6 de xaneiro de 2009) lembra o ideario de Hamás, que non recoñece o dereito a existir do Estado xudeo e soña coa aniquilación dos seus cidadáns. Pregúntase se quereríamos que Israel imite ese radicalismo e proceda a unha xigantesca limpeza ética: ""¿De verdad queremos que Israel refleje de forma proporcional los deseos exterminadores de Hamas?"
Coma se fosen accións salvaxes, dalgún modo, estase a defender a masacre de Gaza como forma de matar soños, desexos, idearios. Por fanáticos e criminais que sexan os soños e as ideas, as actuacións para facerlles fronte, con fogo real e a costa de centos de vidas inocentes, non poden achar entre nós nin excusa nin xustificación. Desde logo, non aducindo que eses civís están a servir de escudos humanos aos terroristas. Nin sendo escudos humanos voluntarios. Sobre este asunto, convido a ler o artigo que Soledad Gallego-Díaz publica hoxe en El País -"Cadáveres de críos"-, porque argumenta con claridade meridiana, a meu xuizo irrebatible, porque dispara ideas que merecen consideración e reflexión.
O conflicto entre palestinos e israelís sempre foi para min un motivo de tristeza. Sempre me pareceu unha triste metáfora da condición humana, esa semente de Caín que nos leva a no ser capaces de entendernos nin de convivir en paz.
Como di Marina Mayoral no seu artigo de hoxe en La Voz de Galicia, eu tampouco debería opinar nin escribir sobre este asunto porque non o entendo. Pero hai asuntos sobre os que un non pode calar sen ser cómplice. E este é un deles. Por iso quero deixar aquí o meu lamento, o meu berrolamento; por iso fun a manifestación que houbo onte en Compostela, onde me alegrou ver máis representación de Brumoso (polo menos había dúas sobriñas do Xabrés da Teixeira), e por iso teremos que seguir opinando ou berrando, como se está a facer por toda Europa.
Gluksmann remata o artigo citado argumentando que querer sobrevivir non é desproporcionado. Cabería facerse moitas preguntas, presentar moitas dúbidas sobre isto. A min si me parece desproporcionado querer sobrevivir a costa de matar a todos aqueles que desexarían verme morto, sobre todo se estou case seguro de que, aínda que o intenten, é improbable, case imposible que consigan matarme. Israel non conseguirá acabar cos terroristas que soñan borrar ese Estado do mapa do Mundo. Conseguirá que aumente a resistencia e o terrrorismo na zona, e que vaia a menos a comprensión e a solidariedade coa súa causa no resto do mundo.



