Estimado señor Redouane Hakim: non debe coller vostede mala impresión de nós, porque en Galicia sómoslle moi tolerantes. Aínda que sexamos capaces de sancionar á súa filla por empeñarse en ir ao colexio coa cabeza cuberta por un pano, de acordo cos seus costumes e a súa relixión, sómoslle tolerantes. Facémola chorar porque non comprende, porque se sente discriminada cando lle impedimos ir de excursión cos seus compañeiros por levar a cabeza cuberta. Tratamos de que se senta culpable dicíndolle que coa súa actitude fai sentir mal aos demais compañeiros, pero sómoslle tolerantes. E, como somos moi tolerantes, respectamos a soberanía do colexio para forzala a marcharse a outro colexio. Tamén temos que ser tolerantes cos que lle din que marche para o seu país, aínda sabendo que o seu país é Galicia, que tivo a sorte de nacer aquí, nun país moi tolerante. Somos tan tolerantes que toleramos moi ben a intolerancia en nós mesmos. Como somos tolerantes, deixaremos que lle busque acomodo á súa filla nun colexio onde, de momento, non se prohiban as cabezas cubertas con panos. Aínda que sexa noutra cidade, ou noutra provincia. Se non acha colexio en Galicia, toleraremos que o busque en Portugal ou que emigre máis alá. Porque os galegos sómoslle tamén moi tolerantes coa emigración. Porque este é un país moi tolerante. Aínda lle diría máis: super tolerante. Pero non é só cousa dos galegos. Os de España, en xeral, sómoslle moi tolerantes. Mire se seremos tolerantes en España que ata mandamos a representantes dos principais partidos políticos a darlle osíxeno ao ditador guineano Obian Nguema. Para que o presidente do Parlamento español, o moi tolerante José Bono, lle poida dedicar unha das súas frases para a historia: “É moitísimo máis o que nos une que o que nos separa”. Gustaríame poder dicirlle unha frase desa fondura, señor Redouane Hakim, pero non me sae: seguramente eu non lle son tan tolerante como o señor Bono. Pero non debe tomarnos a mal o da súa filla. Como lle podería dicir... Ela vén a ser unha vítima colateral da nosa inmensa tolerancia.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
¡Semos, amigo, semos!
Unha aperta.
Publicar un comentario