martes, 18 de enero de 2011

Un monumental malestar

Haberá que admitir que resulta impresionante. Aínda sen rematar. Aínda con grúas e terras movidas e por mover polo medio. Pero para que a Cidade da Cultura poida ser merecente de cualificativos máis cálidos debrían entrar no xogo outros moitos condicionantes. Para provocar entusiasmo entre os galegos non deberiamos estar no medio dunha grave crise. Non debería haber un paro galopante nin un éxodo dos mozos mellor preparados porque non achan oportunidades para traballar na súa terra (os outros non se van, van ao paro). Non deberiamos ter unha multitude de persoas dependentes desatendidas, incumpriendo a lei, por falta de recursos económicos. Non debería haber unha sanidade chea de listas de espera. En Hai que ir morrendo atrevinme a facer futurismo vendo a Cidade da Cultura convertida, en vinte ou trinta anos, nun refuxio para a lexión de vellos precisados de praza nunha residencia pública, porque as pensións non lles abondarán para aspirar a praza nunha privada. Logo dunha primeira visita apresurada aos edificios inaugurados, vexo máis dificultades para unha opción práctica que ningún partido político existente se atrevería a promover. As construccións ideadas por Peter Eisenman teñen dificil adaptarse ao que non sexa o seu propio espirito monumental. Así que teremos máis bibliotecas e máis salas de exposicións e concertos, como se non houbese de abondo en Compostela. Dentro das limitacións orzamentarias, poderemos seguir formando mozos para que busquen traballo noutros países. E teremos unha cidade monumental para visitar, como se non tivesemos outra no casco histórico. Como na miña visita mediaba temporal, non podo dicir se coincido con algunhas opinións que teño lido ou oído. Non sei se o mellor da Cidade da Cultura está cando un lle da as costas e mira cara a cidade de Compostela. De ser así, só como faraónico mirador, a Cidade da Cultura si que sería un descomunal despilfarro. De momento, coa que está caendo, non me parece que esta inauguración poda ser motivo de moita celebración. Se algo me produce é malestar, un malestar monumental e un incómodo sentimento de vergonza. Como se me regalasen un coche de luxo que nun puidese manter nin vender.

5 comentarios:

Xabres da Teixeira dijo...

¿Que queres que te diga?, seguramente por culpa de despilfarros como ese, agora estamos onde estamos.
Coñecí a alguén que decia que, os luxos e os aforros debianse facer cos excedentes.
Agora xa esta feito, mais o problema é ¿de onde sacamos o cartos para mantelo? ¡Excedentes non hai!

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Desexo equivocarme e estar aquí para ver, dentro de moitos anos, que a Cidade é fundamental para atraer visitantes e deixar cartos en Galicia. Hai quen cre (ou quere crer) que así será. A ver que ocorre.

Lucía dijo...

Ojalá ese "monumental despilfarro" sea mais útil que o fruto de outro non menos monumental: a "depuradora" que lixa o noso preciado e precioso Túa.

Lucía dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Javier Lopez Rodríguez dijo...

Anda que a segunda Cidade compostelá algo contribuirá a contaminar máis o Sar. Como a temos a tiro de pedra, acabará por ser un dos sitios que visite durante os meus paseos, se a urbanización finalqueda ben. De momento hai moita terra movida, moitas feridas na terra sen curar.
Bicos.