Hai algunha diferenza entre mil millóns de desnutridos e mil millóns de obesos? Algunha diferenza entre un famento e un gordo como unha tina? Algunha semellanza si que existe entre as persoas integrantes destes dous colectivos aparentemente antagónicos que comparten a realidade do mundo actual xunto con 4.500 millóns de indefinidos indiferentes: a súa vida corre perigo. Algunha diferenza tamén hai, porque uns están a morrer coa fame e os outros coa fartura de comida lixo, esa que ademais de aditivos seguramente está ateigada de adictivos. Non sería posible entender, doutro xeito, como pode enganchar a rapaces e mozos ata convertelos en monstros graxentos. Algunha outra diferenza? A obesidade ten algo que ver co suicidio e, dalgún xeito, merece o respecto que merecen os suicidas. Por iso as polémicas máis graves están nos casos infantís, onde se supón que a tutela debe incluir a alimentación axeitada. Despois da infancia, alá cada quen co que come e como lle vai. No caso da desnutrición que afecta a millóns de persoas, tamén en países desenvolvidos, o asunto ten máis que ver coa indeferenza dos demais, dos non desnutridos, sexamos obesos ou non. Non ten nada que ver co suicidio e si moita relación co xenocidio. Un xenocidio do que tal vez sexan culpables os gobernantes pero do que sen dúbida somos cómplices todos os indiferentes. Por seguirmos votando a políticos para que fagan nada por solucionar esa vergoña colectiva. Por seguirmos mansos, sen rebelarnos, sen mobilizarnos contra eles e a súa complicidade con esas multinacionais que se fan cada vez máis poderosas a forza de vender comida lixo e de monopolizar a agricultura e a gandería para que non haxa futuro sen fartos nin, sobre todo, sen famentos.
Publicado en A Nosa Terra nº 1.380
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario