domingo, 23 de octubre de 2011

Demasiados coches de máis de dez anos? Demasiados coches de luxo!!

Cando os indicadores son sempre negativos, as autoridades encargadas de contar miserias deberían deixar as estatísticas mensuais, con avances por quincenas, e contentarse con tomar o pulso da triste realidade cada tres meses ou máis. Para que mortificarse comprobando que o crecemento aínda non chega, que descende a confianza dos empresarios e a dos consumidores, que non se venden os pisos da burbulla, que medran os ERE, que hai máis peches de empresas e, por suposto, que medra o paro.
Unha das estatísticas que nos queren vender como unha traxedia e a que pon de manifesto o constante descenso de vendas dos coches. Botánnos os datos á cara coma se nos chamasen irresponsables por non correr a cambiar de carro. Seica é unha traxedia que se vendan este ano 40.000 coches menos que en 2007, cun descenso de casi o 38% sobre o pasado ano. Que se vendan a prezos de hai dez anos e nin así repunten as vendas. Os vendedores, por suposto, son capaces de salientar o avellentamento do parque, os riscos que iso supón para a seguridade viaria. Se non é por presumir, que se vendan coches por patriotismo e saúde pública. Alertan de que o ano que ven poderían ter máis de dez anos 40 de cada cen coches que anden polas estradas. Que traxedia! Por qué nos obrigan a pasar a ITV se non é para garantir que os nosos vellos coches son seguros e merecen seguir vivindo? Segundo os datos da mesma asociación de fabricantes de coches, hai dous anos estabamos entre os europeos cun parque móvil máis mozo. Só no Reino Unido, Bélxica e Francia había porcentaxes inferiores de coches de máis de dez anos. España, da man de Alemaña, como os potentados, deixando que houbese maior proporción de coches de máis de 10 anos en Austria, en Dinamarca, Italia, Suecia ou Finlandia. E en Grecia e Portugal, por suposto.
E logo ninguén lembra como doe un rabuñon nun coche novo? A tranquilidade ben vale aturar co coche vello mentres furrule. E logo non queremos ser conscientes do que podemos aforrar en accesorios e lavatorios?
Por qué será que non existe crise nas vendas dos coches de luxo?
Por que será que subiron máis dun 148% en setembro, máis dun 114% no que vai de ano?
Será porque os ricos xa albiscan a saída da crise e xa o están a celebrar?
Que crise?, seica dixeron cando lles preguntaron.

sábado, 22 de octubre de 2011

Necesitamos un Robin Hood!!

Estaba querendo crer que estabamos aprendendo a lección da crise, que tiñamos mesmo propósito de enmenda.
De momento, cumprimos a penitencia.
Do outro, a saber cando.
Os orzamentos das administracións públicas son máis restritivos, por imperativo superior. Eu querería crer que se recorta máis no accesorio e menos alí onde non debería recortarse nada. Pero dubido firmemente. Porque aínda se manteñen pluses para ex altos cargos, pluses que eran discutibles nunha etapa de supostas vacas gordas pero que resultan infumables nestas circunstancias; algunhas comunidades, como Extremadura, xa os eliminaron. Por aquí, aínda non. Os políticos teñen propósito de enmenda? A costa de recortar sobre o recortado. Sobre os salarios dos funcionarios, seguro. As pagas extra, como en Portugal, se cadra.
E o asunto das caixas de aforros? Demostrado que a xestión era -salvo mínimas excepcións- nefasta e despilfarradora, toma alá reestruturación con fondos públicos que non hai para empresarios que necesitan circulante para manter a actividade e o nivel de emprego. Cambian os equipos directivos, qué menos, pero sobresáltanos saber que os que se van fano forrados de millóns, con primas e blindaxes que serán legais (ata o Supremo os avala) pero son manifestamente ilexítimos. Vergonza dá ver que quen non soubo xestionar e perdeu os cartos de todos se retire como millonario cos cartos de todos que aínda non se esfumaran.
De cara ao futuro, ademáis de boas soldadas e -a bo seguro- novas blindaxes, os novos rectores das caixas de aforros xa teñen a solución para saír do furancho: conxelar durante dous anos os salarios dos traballadores e cobrar máis comisións aos que non nos atrevamos a fabricar a nosa caixa particular na casa.
Quén quere, quen cre, a estas alturas, propósitos de enmenda?
Como ben di alguén que eu me sei, necesitamos un Robin Hood!!

lunes, 3 de octubre de 2011

A nosa terra é menos nosa

Coa desaparición do diario dixital A Nosa Terra, que segue á desaparición do semanario, estamos un pouco máis orfos de información en Galego. Nos medios en galego, a crise e máis crise, do mesmo xeito que no can fraco todo son pulgas. Quedamos sen medios de comunicación en galego, se quitamos a revista mensual Tempos Novos. Galicia hoxe, Xornal de Galicia, Vieiros, A Nosa Terra. Non creo que sexa culpa do Goberno. É culpa da crise, que semella querer deixar só terra queimada, e da falta de lectores comprometidos, dispostos a gastar nun xornal en galego o que gastan nun refresco. Así son as cousas. Hoxe, a nosa terra e menos nosa e a nosa lingua avanza un paso máis cara a unha desaparición que semella inevitable. Iso xa non é só culpa da crise e da falta de lectores.